A Xunta entrega os premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’ na súa X edición

Volver
  • O 2º ciclo de educación infantil do CEIP Albeiros de Lugo con Sopa Verde, o 1º e 2º cursos de educación primaria do CEE Miño de Ourense con O Camiño e o 3º e 4º cursos de educación primaria CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada con Un conto cheo de lobos foron os centros galardoados
  • Estes premios, enmarcados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, buscan fomentar a presenza do galego nos centros de educación infantil e primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC nas aulas

Santiago de Compostela, 28 de setembro 2022.-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe no Pazo de San Roque na entrega de galardóns ás escolas premiadas na X edición dos premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQO editora.

Valentín García felicitou e agradeceu “a todos os nenos e nenas participantes e ao seu profesorado pola gran calidade e resultado dos seus proxectos e o nivel de implicación nunha actividade xerada para impulsar o seu perfil máis creativo desde o audiovisual e a través do uso da nosa lingua”.

No acto tamén interviñeron Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Marta Fernández, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da Corporación Radio e Televisión de Galicia e Borja Guerrero, responsable da área audiovisual de OQO editora. Ao encontro asistirón 55 nenas e nenos dos centros gañadores e 10 docentes e acompañantes, sendo 65 persoas ás que se suman as coordinadoras territoriais dos EDLG.

Nesta edición participaron no programa, no marco do Plan Proxecta, 16 centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No certame, pola súa parte, participaron 24 centros públicos (16 de Proxecta e 8 de non incluídos en Proxecta).

Os galardóns entregados foron, na Categoría 1: 2º ciclo de educación infantil, para o proxecto Sopa verde, do CEIP Albeiros de Lugo. Na Categoría 2: 1º e 2º cursos de educación primaria, para O Camiño, do CEE Miño de Ourense e na Categoría 3: 3º e 4º cursos de educación primaria, para Un conto cheo de lobos, do CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada.

Para rematar, o músico infantil Paco Nogueiras ofreceu un concerto para todas as persoas asistentes.

As curtametraxes gañadoras

A curta Sopa verde, do CEIP Albeiros, foi creada a partir dun álbum ilustrado de Ángela Madeira con ilustracións de Till Charlier. Amósanos a historia dun coelliño ao que só lle gustaba o verde e rexeitaba os alimentos doutras fermosas cores, ata que o moucho resolve o problema facendo unha sopa moi gorentosa. Un filme en animación 2D co que a cativada se divirte aprendendo hábitos alimentarios, os nomes dos animais e das plantas, os sabores, as cores e os números.

A curta O Camiño, creada polo alumnado do CEE Miño, inspírase no conto de Marisa Núñez & Mariona Cabassa e amósanos as marabillas e as dificultades que atopamos ao longo do camiño. A verdadeira experiencia está no camiño mesmo, un camiño que é símbolo da viaxe da vida: cada treito, cada momento, cada tropezo e cada descubrimento. Unha curta en 2D cargada do mesmo lirismo da obra na que se inspira.

Un conto cheo de lobos, baseada na obra homónima do escritor Roberto Aliaga ilustrada por Roger Olmos, ten como protagonistas os lobos de todos os contos, que conviven xuntos neste libro e andan polas súas páxinas na procura de comida. Trátase dun labor que require a complicidade e interacción do público, nunha historia interminable que cando remata volve comezar. Un filme moi colorido no que os rapaces e rapazas do CEIP Manuel Villar Paramá empregaron, neste caso, a técnica de animación en 3D.

As curtas premiadas e as do resto de participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da CRTVG.