A Asociación Festibandeira presenta o Festival Musical ‘Murallón do Son’ 2022 co apoio da Xunta

Volver
  • Trátase dun festival no que a música e a cultura galega se fusionan coa gastronomía e demais actividades ao aire libre
  • Grupos galegos como Daikdarría, Rebeliom do inframundo, High Paw, Harry May, Cloaca, a Señora DJ e o grupo barcelonés La inquisición serán os artistas invitados nesta edición que terá lugar o 8 de outubro

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022.-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe no Pazo de San Roque o festival musical Murallón do Son, organizado pola Asociación Festibandeira na comarca do Deza para promover a través de distintas actividades musicais a igualdade, a sostibilidade, as novas músicas en galego, o comercio local e de proximidade e a defensa do noso patrimonio cultural galego.

Murallón de Son, na Bandeira, no concello de Silleda, é un festival no que o sábado 8 de outubro a música e a cultura galega se fusionan coa gastronomía e demais actividades ao aire libre.

Entre os seus obxectivos, propiciar a polinización de diferentes disciplinas artísticas a favor da causa social e medioambiental, fomentar espazos de transmisión cultural no pobo da Bandeira e do Concello de Silleda no seu conxunto e revitalizar a lingua galega e a vida cultural no rural.

Artistas invitados

Esta edición 2022 contará con actuacións de artistas galegos como o grupo Dakidarría, que acada a súa maioría de idade mentres ultima o lanzamento do seu sexto discto de estudo Colaxe. Tamén Rebeliom do inframundo, que desde Ponteareas chega á Bandeira para poñer o peche á súa xira ILEGAL.

La inquisición é un grupo de punk barcelonés que mesturará a contundencia de letras e música, dentro dunha mensaxe elaborada fuxindo dos tópicos do xénero. A viguesa High Paw traeranos reggae, roots, raggamuffin e moita personalidade nas súas letras. Así mesmo o fará a banda galega de Punck Rock Harry May, o dúo coruñés Cloaca co seu Garage-Fuzz e Raquel R. Soto, máis coñecida como a Señora DJ, co seu característico indie-disco-pop.

Programa para todas as idades

Murallón de Son é un festival aberto a tódalas idades, polo que tamén contará con distintas actividades enfocadas aos máis novos, que poderán gozar de pasatempos e xogos tradicionais para poñer en valor ao mesmo tempo unha parte moi importante da cultura tradicional galega.

Dentro do recinto, haberá multitude stands de asociacións de divulgación cultural e gastronómica, stands de artesanía local, luthería, puntos morados ou de produtos ecolóxicos nas que as diversas asociacións e artesáns amosarán as súas propostas e produtos. Tamén unha sesión vermú ao mediodía, diferentes restaurantes e foodtrucks e un espazo habilitado para o descanso.