Xunta e Editorial Galaxia presentan a obra de María do Cebreiro ‘Maternidades virtuosas’, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021

Volver

Inaugúrase tamén o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ‘Coeducamos?’, unha actividade que se desenvolverá ao longo deste mes en Ourense para poñer en contacto aos profesionais da docencia e aos creadores literarios

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022.-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da obra Maternidades virtuosas, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, da poeta e ensaísta galega e doutora en Teoría da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro.

No acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades doulle os parabéns á gañadora desta última edición, que a través da súa creación ensaística “consegue achegarnos ao mundo da maternidade desde un punto de vista realista e actualizado”.

Acompañando a autora tamén estiveron presentes Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural Galega, e Marcos Calveiro, director de Edicións da Editorial Galaxia, quen publica esta obra.

Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ‘Coeducamos?’

Pola tarde, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse á Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense para asistir á inauguración do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil Coeducamos?, unha actividade coa que colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ao abeiro do convenio coa Xunta de Galicia para poñer en contacto aos profesionais docentes cos creadores literarios.

Tamén estiveron presentes Isabel Mociño, coordinadora do ciclo; Cesáreo Sánchez, presidente da AELG; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, e Elena Rivo, vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Esta edición desenvolverase ao longo dos martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17,00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deberán inscribirse cubrindo previamente o formulario.