Elsa Muñiz presenta en ‘Memories: sete pezas para piano’ o “Pianotelling”, un novo concepto da música clásica

Volver
  • Este termo fai referencia á música instrumental para piano que lle dá vida a microrrelatos autobiográficos, escritos en forma de caligramas manuscritos, nos que se inspiran as pezas acompañados de ilustracións
  • Trátase dun proxecto didáctico e pedagóxico que une varias artes co obxectivo de aproximar a música clásica creada en Galicia aos nosos estudantes profesionais de música

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022.-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela á presentación da obra interdisciplinar de Elsa Muñiz, na que se mestura literatura, ilustración e música, Memories: Sete pezas para piano.

Valentín García destacouno como “un proxecto moi interesante que contribúe a espallar o galego no ámbito musical, concretamente no dos conservatorios e escolas de música onde, por mor da orixe foránea dalgúns dos seus compositores, directores ou intérpretes cómpre darlle un impulso adicional á dinamización da lingua”.

Ao encontro tamén asistiron a propia autora da obra, Elsa Muñiz, e a ilustradora, Nina Sefcik.

A pianista, profesora e compositora Elsa Muñiz crea con este libro un novo concepto dentro da música clásica: “o pianotelling”, que fai referencia á música instrumental para piano que lle dá vida a microrrelatos autobiográficos, escritos en forma de caligramas manuscritos, nos que se inspiran as pezas acompañados de ilustracións. Desta maneira, pretende achegarlle a música instrumental de xénero predominantemente clásico ao gran público, facela máis accesible e dotala dun compoñente didáctico e pedagóxico fundamental.

Non se trata só dun libro de partituras senón dun proxecto globalizador que une varias artes co obxectivo pedagóxico de aproximar a música clásica creada en Galicia aos nosos estudantes profesionais de música. É dicir, un proxecto didáctico e pedagóxico no que se fusionan a arte literaria, plástica e musical.