Os Bolechas chegan á Catedral de Santiago para presentarlle aos máis cativos o seu novo libro

Volver
  • Esta obra afonda na historia do templo dun xeito lúdico e didáctico, achegando aos nenos e nenas a unha das xoiais patrimoniais máis destacadas da comunidade
  • Preto de medio centenar de alumnos do CEIP López Ferreiro acudiron a este acto para acompañar ás súas personaxes favoritas

Santiago de Compostela, 6 de outubro 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe na cripta do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela á presentación do novo libro Os Bolechas van á catedral de Santiago de Compostela.

Valentín García agradeceu o resultado final desta publicación “que fai que os nenos e nenas se interesen e coñezan dende ben novos e na nosa lingua motivos culturais de moi diversa variedade da man da familia galega máis querida pola cativada”.

Do mesmo xeito, ao encontro acudiron Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21-22 e Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago, os encargados de presentar esta nova aventura arroupados por preto de medio centenar de alumnos do CEIP López Ferreiro de Santiago.

A cativada contou coa oportunidade de percorrer e descubrir xunto a toda a familia dos Bolechas corpóreos, invitados indispensables neste acto tan especial, toda a Catedral e a Praza do Obradoiro dun xeito único á vez que recibiron exemplares desta nova obra.

Con este libro, unha iniciativa que pertence á Fundación Catedral de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicada baixo o selo da Editorial Bolanda, os máis pequenos poderán coñecer todas as curiosidades que envolven á Catedral compostelá. Afondaranse na historia do templo dun xeito lúdico e didáctico, achegándose así a unha das xoias patrimoniais máis destacadas de toda a comunidade para sentirse máis preto da nosa cultura.