A Xunta celebra a chegada de fondos europeos para o Proxecto Nós e agarda que sexan os primeiros de moitos máis

Volver

• A axuda, procedente do goberno central e aprobada este martes en Consello de Ministros, permitirá darlle un importante pulo ao proxecto, que introducirá a lingua galega de cheo no mundo dixital

• O secretario xeral de Política Lingüística, o delegado do Goberno e o reitor da USC participan na rolda de prensa pola que se anuncia esta transferencia

A Coruña, 16 de novembro 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa pola que se anunciou a inxección de dous millóns de euros para apoiar o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). O financiamento, procedente do goberno central e aprobado este martes en Consello de Ministros, enmárcase no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua, que ten por obxectivo impulsar en España a nova economía da lingua, aproveitando o potencial do español e das linguas cooficiais como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a intelixencia artificial.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo, en primeiro lugar, “agradecerlle ao goberno de España a súa achega crucial ao que, ata o momento, é o proxecto máis ambicioso da historia no ámbito da dixitalización da nosa lingua, para o que prevemos destinar 15,5 millóns de euros ao abeiro dos fondos europeos Next Generation”. Neste sentido, Valentín García destacou que” a colaboración e a cooperación institucional de forma leal e solidaria é o camiño correcto para sacar adiante este proxecto de país” polo que “nos mostramos positivos en que se manteña esta colaboración para poder chegar á cantidade total”.

Ademais, Valentín García recordou que o Proxecto Nós, “aínda que impulsado pola Xunta, é o resultado dun intenso traballo realizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e ao que se incorporarán as outras universidades galegas no transcurso do próximo ano”

Na presentación, que tivo lugar na Delegación do Goberno na Coruña, tamén interviñeron Antonio López, reitor da USC, e José Manuel Miñones, delegado do goberno en Galicia.

Un novo pulo para introducir de cheo o galego no mundo dixital

O financiamento aprobado polo executivo permitirá apoiar, entre outras tarefas, a recompilación dunha ampla variedade de recursos en lingua galega de alta calidade, tanto de texto como de voz, que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres e en aberto, accesibles de forma gratuíta para as empresas, as institucións e a cidadanía.

En consecuencia, o Proxecto Nós terá efectos tanto no sector público coma no privado. No público, porque permitirá a dixitalización real da Administración galega. No sector privado, porque favorecerá a creación dun ecosistema de empresas tecnolóxicas que fará posible o desenvolvemento de novas ferramentas.

A subvención aprobada este martes no Consello de Ministros enmárcase dentro dos 7,5 millóns que o goberno central destinará tamén a impulsar os proxectos que os gobernos de Cataluña, País Vasco e Comunidade Valenciana están a desenvolver paralelamente para introducir as súas linguas propias no contorno dixital e na intelixencia artificial.