Valentín García participa na homenaxe a Xesús Mato
VolverO secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este martes na dobre presentación do libro Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos, unha homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do concello de Paradela.
Paradela, 18 de xaneiro de 2023.- O libro, publicado por Brandán Comunicación coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, está coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz e ofrece un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato co gallo do seu 90 aniversario o pasado outubro e do medio século da creación do grupo “Fuxan os ventos”, da que foi alma mater, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.
No libro, ademais do resume que fai Xesús Mato do seu camiñar pola vida, súmanse os textos de presentación de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades; José Manuel Mato, alcalde de Paradela; e dos coordinadores da publicación. Participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.
Os actos tiveron lugar no concello de Paradela, como parte da programación do seu bicentenario e, xa pola tarde, na Biblioteca Provincial de Lugo.