O sistema de acreditación de lingua galega (CELGA) colabora co Proxecto Nós para a recollida de voces en galego

Volver

• As probas Celga, convocadas pola Xunta de Galicia, preséntanse como unha oportunidade non só para acreditar oficialmente o coñecemento do galego senón tamén para a recollida de voces do Proxecto Nós

• As probas do Celga 4, realizadas os días 18 e 19 de maio en Santiago de Compostela e en Ponferrada, permitiron recoller case 800 mostras de voz que servirán para axudar a desenvolver tecnoloxías da linguaxe en galego

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2024.- Como cada ano, a Xunta de Galicia está a realizar as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) dos niveis 1, 2, 3 e 4, correspondentes á primeira convocatoria anual, tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. Ademais, dado que estas probas inclúen un exame oral e que reúnen un número relevante de persoas interesadas, constitúen un marco ideal para a recollida e cesión voluntaria de voces en galego coas que poder colaborar co Proxecto Nós.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia e mais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa que se pretende promover a presenza dixital da lingua galega, co fin de garantir que esta estea dispoñible en diferentes aplicacións e ferramentas tecnolóxicas como as que pretenden desenvolverse en materia de intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe. Para iso, o Proxecto Nós precisa contar cunha compilación de diversos recursos como as mostras de voz.

Con esta idea, os días 18 e 19 de maio, aproveitando a realización das probas do Celga 4 no IES Antonio Fraguas Fraguas, en Santiago de Compostela, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, puideron recollerse case 800 mostras de voz. Esta campaña continuará durante a realización das probas do Celga 3 e do Celga 2, os días 25 e 26 de maio, así como do Celga 1, o día 1 de xuño.