O secretario xeral da Lingua asiste ao acto de nomeamento de "Fillos e fillas adoptivos de Teo"
VolverUn evento que premiou as contribucións dos galardoados ao mundo da cultura.
Teo, 26 de maio de 2024.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, estivo este sábado 25 de maio no Auditorio Municipal da Ramallosa, en Teo, para participar no acto de entrega de distincións "Fillos e fillas adoptivos de Teo”.
En 2024 recibiron este recoñecemento Manuel Quintana Martelo, Paula Carballeira e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.
O evento estivo presidido pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e contou tamén coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ademais de directores xerais da Xunta de Galicia ou alcaldes de concellos veciños como Boqueixón, Rois, Oroso, O Pino e Trazo.
A escritora Paula Carballeira ten unha ampla produción en narrativa, poesía e teatro. Foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e en 2023 foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática. O artista plástico Manuel Quintana Martelo conta cunha ampla traxectoria artística internacional e é o actual presidente da Real Academia Galega de Belas Artes. E por último, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe foi, entre outros, un dos integrantes da comisión impulsora do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia e recibiu en 2010 a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.