Valentín García participa na XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
VolverNo Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2024.- O Salón do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, acolleu o pasado sábado 22 de xuño a reunión da XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA). Un evento no que se conmemorou o traballo profesional realizado nos últimos anos por un grupo de avogados e historiadores, dirixido á reivindicación do patrimonio histórico galego que foi dar ás mans da familia Franco. Asemade, formalizaron o seu ingreso na Irmandade novos irmandiños e irmandiñas comprometidos co uso do galego no ámbito xurídico. Tamén foi homenaxeado coa insignia de ouro o letrado Alberte Xullo Rodríguez Feixoo pola súa longa traxectoria de utilización da lingua galega na actividade profesional.
O Secretario Xeral da Lingua, Valentín García Gómez, acompañou a Alberte Xullo Rodríguez Feixoo no seu nomeamento como irmandiño de honra, e destacou o papel fundamental que xoga a Irmandade Xurídica Galega no compromiso coa defensa e promoción da lingua galega e o patrimonio cultural do país.
Os novos irmandiños e irmandiñas comprometéronse publicamente a exercer as súas profesións en lingua galega, reforzando así a súa dedicación á preservación e promoción do idioma galego no ámbito xurídico. Para simbolizar este compromiso, recibiron un escudo da IXUGA para colocar nas súas togas, unha insignia de prata e un diploma de pertenza a esta rede de profesionais do dereito.
A cerimonia estivo presidida polo Reitor da USC, Antonio López Díaz; o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo Romero; o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia, Luís Villares Naveira; o Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, Carlos Varela García; o Presidente da Sala Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado; a avogada e membro da Irmandade Xurídica, Maruxa Monteagudo Romero e a Avogada do Estado en Galicia, Consuelo Castro Rey, quen ata hai uns días desenvolvía a súa actividade profesional como Avogada Xeral do Estado.