O Libro das Horas, de Vicente Risco, en galego co apoio da Xunta

Volver
  • A Secretaría Xeral da Lingua e a Fundación Vicente Risco colaboran para incorporar a primeira tradución do texto, recompilación da sección xornalística “Horas” do diario La Región, á biblioteca do autor ourensán
  • Valentín García recordou “a figura poliédrica dun dos imprescindibles das Letras Galegas e do galeguismo, sempre en vixencia nos eidos artístico, divulgador, etnógrafo, mestre, místico, literato, periodista, pensador ou teórico político”

Ourense, 23 de setembro de 2024.- O Libro das horas, obra do escritor, intelectual e político ourensán Vicente Risco, xa se pode ler en galego en edición do selo Dr. Alveiros da Fundación Vicente Risco, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da Secretaría Xeral da Lingua. O volume, publicado por primeira vez en 1961, recupera e recompila textos risquianos da sección xornalística “Horas” do diario La Región.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe ao serán no acto de presentación, no que saudou a nova edición en galego e recordou “a figura poliédrica dun dos imprescindibles das Letras Galegas e do galeguismo, sempre referencia e en vixencia nos eidos artístico, divulgador, etnógrafo, mestre, místico, literato, periodista, pensador ou teórico político”.

No acto, que acolleu o Liceo de Ourense, participaron tamén o responsable da edición, Xosé Fernández Fernández; a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira; a xornalista Maribel Outeiriño; e o pianista e compositor José Luis Fernández Carnicero.

O Libro das horas

Libro das horas de Vicente Risco, publicado por primeira vez en 1961, é unha pequena selección de oitenta e oito glosas xornalísticas de diversa temática recompiladas das publicacións que o autor viñera realizando ao longo de varios anos na sección “Horas”, cando colaboraba de xeito habitual no diario ourensán La Región. Os textos están escritos de forma sinxela, con espontaneidade, humor, frescura e retranca, tirados da vida cotiá que levan ao lector con mestría por un labirinto de reflexións e experiencias. O libro conclúe cun soneto manuscrito do propio autor e cunha serie de sinaturas de intelectuais, amigos e amigas que asistiran ao acto da primeira edición acontecido pouco antes do seu falecemento.

Sétimo volume da Biblioteca Vicente Risco

A obra Libro das horas ve a luz da man do selo editorial Dr. Alveiros, como sétimo volume da Biblioteca Vicente Risco e tradución ao galego de Tomás G. Ahola. Conta cun Limiar de Maribel Outeiriño e cunha detallada introdución a cargo de Xosé Fernández Fernández, que profunda na faceta xornalística pouco afrontada do escritor ourensán, principiando por aquelas primeiras andainas producidas no diario local El Miño.

O volume contribúe, no que ademais da Fundación Vicente Risco e a Xunta colaboran A Deputación de Ourense, o Liceo de Ourense e a Editorial Galaxia, contribúe a incrementar novamente o amplo repertorio patrimonial do intelectual Risco, que a partir de agora conta cunha publicación máis en galego, lingua que lle brindou a oportunidade de alcanzar o cume literario como membro relevante da xeración Nós.