A Xunta conmemora en Caldas de Reis o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia
VolverCaldas de Reis (Pontevedra), 26 de outubro de 2024.- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, representada no seu secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no cemiterio caldense de Eirín no acto conmemorativo do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia "En galego, agora e sempre". A iniciativa, promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e polo colectivo Galeguiza Galicia co apoio da Xunta de Galicia, celébrase anualmente e difúndese tamén na rede a través dos materiais Deixa en herdanza a túa lingua, que recollen modelos de mandas testamentarias nas que se lles encomenda ás persoas beneficiarias testamentais a defensa do patrimonio cultural e lingüístico, como un legado inmaterial que deben conservar no futuro.