A Xunta entrega o II Premio de Oratoria en Podcast Ramón Otero Pedrayo

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, lembrou “a figura de don Ramón e a súa mestría nesta disciplina tan importante para a lingua galega” e destacou que “o podcast sitúa o galego na vangarda das novas formas de comunicación”

Recibiron cadanseu premio Saray Rodríguez, Uxía Lavandeira e Ana Lestao, 1º, 2º e 3º, respectivamente

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Coren apoian a iniciativa convocada pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo

Amoeiro (Ourense), 27 de novembro de 2024.- A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega do II Premio de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo, convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da cooperativa agroalimentaria Coren. O obxectivo da iniciativa, dirixida a alumnado galego de entre 15 e 25 anos, é promover o traballo en expresión oral e oratoria entre a mocidade, para alén de achegarlle a figura, a obra e a vida dun dos mellores oradores galegos, Ramón Otero Pedrayo.

Valentín García felicitou ás gañadoras “polos vosos traballos, participación e esforzo”, así como por “seguir poñendo en valor e actualizando a figura de don Ramón e a súa mestría nesta disciplina tan importante para a lingua galega”. O responsable da Lingua tamén agradeceu o labor desenvolvido polas entidades organizadoras e colaboradoras no certame “que centrado no formato podcast sitúa o galego na vangarda das novas formas da comunicación”.

Recibiron os recoñecementos Saray Rodríguez Pérez (“Galicia sostible: unha ollada ao futuro”), Uxía Lavandeira (“Pedra da poesía”) e Ana Lestao Ben (“Cousas miñas”), 1º, 2º e 3º premio, respectivamente.

No acto, que acolleu a Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, participaron tamén o presidente da fundación, Eduardo López Pereira; o director xeral de Coren, Emilio Rial, e mais a vicepresidenta da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, María José Bravo Bosch.

Imaxes relacionadas