Muxía (A Coruña), 24 de xuño de 2025.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, inaugurou hoxe ao mediodía na Sala Gervasio Sar a mostra Cantade todas a unha. O cantigueiro popular galego, conmemorativa das Letras Galegas 2025.
Na inauguración participaron tamén o alcalde, Javier Sar; a concelleira de Cultura, Sandra Vilela; a académica da lingua galega María López Sández; o director de produción da Editorial Galaxia Xesús Domínguez e Juan José Alvite, fillo da cantareira muxiá Eva Castiñeira, unha das cinco nas que a RAG personifica a súa homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras.
A exposición chega a Muxía logo do seu paso polo concello de Malpica de Bergantiños, en cuxo Centro Cívico se exhibiu e foi inaugurada o Día das Letras Galegas polo presidente da Xunta. Poderase visitar na Sala Gervasio Sar durante as próximas semanas, ata o 21 de xullo, con entrada libre e de balde.