Valentín García participa na entrega de premios do Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey

Volver

A iniciativa promoveuna a Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en homenaxe ao cineasta crucense Carlos Asorey

Os galardóns recaeron nas curtametraxes “Testemuñas dunha Illa”, de Guillermo Artero, Borja Duarte e Elián Antigua e “O que non falta”, dirixida por Ariadna Fieira e Sky López

 

Vila de Cruces (Pontevedra), 22 de novembro de 2025.- A Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño acolleu hoxe a entrega de premios do I Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey, impulsado por esta entidade en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

No acto de entrega participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou a importancia de iniciativas coma esta que “valoran o cinema en lingua galega, promoven a participación dos centros de ensino, como foi neste caso o IES Marco do Camballón, e estimulan a lingua e a cultura en contornas rurais”. Canda a Valentín García, participou tamén Carmen Lareo, presidenta da Fundación Paco Lareo, impulsora deste certame cinematográfico.

Curtametraxes premiadas

O xurado decidiu que o I Premio fose á curtametraxe “Testemuñas dunha illa”, de Guillermo Artero, Elián Antigua e Borja Duarte, estudantes de Comunicación audiovisual na Universidade de Santiago que realizaron esta obra como Traballo de Fin de Grao. Esta curta narra a evolución que sufriu a Illa de Arousa desde que, hai máis de 40 anos, se inaugurara a ponte para acceder a ela. O xurado valorou “a intención do retrato etnográfico dun mundo en extinción, recuperando arquivo cinematográfico inédito e cunha mirada concienciada sobre o papel das mulleres na Illa, e preocupacións como a ecoloxía e a planificación urbanística”.

Ademais deste premio, o xurado tamén decidiu concederlle unha Mención Especial á curtametraxe “O que non falta”, dirixida por Ariadna Fieira e Sky López, ambas as dúas formadas en Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Neste caso, o xurado valorou “a reinterpretación da lenda tradicional das lavandeiras da noite levada a códigos contemporáneos, a través dun coidado traballo de luz e dunha elaborada atmosfera, escollendo unha vía narrativa afastada de convencionalismos”.

Finalmente, o Premio do Público tamén foi para a curtametraxe “Testemuñas dunha Illa”. Este premio foi elixido a través da suma dos votos de máis de 70 alumnas e alumnos do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, que visionaron presencialmente as obras finalistas neste centro de ensino.

Carlos Asorey, un crucense en París

O cineasta Carlos Asorey (Loño, Vila de Cruces, 1950 - Compostela 2015), exiliouse en París en 1974, onde estudou cinema na Universidade de Vincennes e onde desenvolveu a maior parte da súa obra cinematográfica, aínda en proceso de investigación.

O descubrimento da súa figura é recente, e débese ao profesor e investigador Xaime Varela, que formou parte do xurado desta I Edición do Certame Carlos Asorey. Xunto con Varela, o xurado estivo composto polo cineasta pioneiro do grupo Deza Daniel González Alén e por Alfonso Pato, director do Festival de Cans, presentes todos na ceremonia da entrega de premios, á que tamén asistiu Xesús Asorey, irmán do cineasta que lle dá nome ao premio.