Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración do Coloquio Internacional Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica, organizado polo grupo de investigación do Proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). O CODOLGA desenvólvese no marco dun convenio de colaboración existente entre a Universidade de Santiago de Compostela e o CRPIH e forma parte da rede colaborativa CODOLHISP, que engloba os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais en lingua latina dos respectivos territorios e que está recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación como rede de investigación de excelencia.
O corpus actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre os séculos VI e XV, ambos os dous incluídos, a partir das edicións dispoñibles, e tamén se incorporan fontes e estudos que fan referencia a este territorio. A ferramenta http://corpus.cirp.es/codolga permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual un recurso básico para a docencia e investigación de diversa índole: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica.
Na apertura do coloquio participaron canda o secretario xeral da Lingua o coordinador científico do CRPIH, Manuel González González; José Carracedo Fraga, director do CODOLGA, e J. Eduardo López Pereira, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.