Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe ao serán no acto de presentación da obra Álvaro Xil Varela. No lusco fusco, do historiador Ricardo Gurriarán, editado polo Foro Enrique Peinador. No acto participaron, canda o secretario xeral e o autor, Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador; e os profesores Xoán Carmona e Honorio Cardoso.
A obra Álvaro Xil Varela. No lusco fusco recupera a figura deste empresario galeguista, enxeñeiro de montes e filántropo, clave na relación entre economía e identidade galegas, asociado a proxectos empresariais tan importantes na Galicia da segunda metade do s. XX como foron Zeltia, Pescanova, Transfesa e Frigsa e tamén membro do Partido Galeguista e mecenas. O libro pódese descargar de balde no web da plataforma Galeguizar Galicia.