A Secretaría Xeral da Lingua presenta no Instituto Cervantes a experiencia pioneira do Celga 4 en liña

Madrid, 7 de febreiro de 2026.- A Secretaría Xeral da Lingua participou os días 6 e 7 de febreiro na VII Xornada do GIELE (Grupo de Interés en Evaluación de Lenguas en España), realizada no Instituto Cervantes de Madrid, un encontro de referencia no ámbito da avaliación lingüística. Neste marco, presentouse a comunicación titulada «Celga 4 en liña. Unha experiencia de avaliación innovadora», a cargo de Oliva Amorín López, subdirectora xeral de Política Lingüística; Olga López López, asesora docente da Secretaría Xeral da Lingua; e Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e colaborador da SXL.

As probas Celga en liña realizadas por primeira vez pola Xunta de Galicia posicionaron o galego como primeira das linguas oficiais distintas do castelán en desenvolver un sistema non presencial de probas de acreditación do nivel lingüístico. Esta iniciativa ten como obxectivo facilitarlles o acceso á certificación de lingua galega a persoas residentes en calquera lugar, evitando desprazamentos innecesarios. Nesta primeira convocatoria realizáronse probas do nivel Celga 4, o máis demandado, nas que puideron participar 100 persoas. A xornada do GIELE constituíu unha excelente oportunidade para dar a coñecer esta experiencia innovadora nun foro especializado, integrado por expertas e expertos en avaliación de linguas.

Imaxes relacionadas