Valentín García participa na celebración do Día do Galego no Bierzo
VolverCacabelos (Castela e León), 9 de marzo de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou nos actos conmemorativos do Día do Galego no Bierzo, organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León e outras entidades, en Vilafranca do Bierzo e en Cacabelos. A axenda incluíu propostas participativas dirixidas ao alumnado dos centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, que este curso escolar aumentou o seu número nas etapas de infantil e primaria, así como na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ponferrada, e alcanza un total de 1207 estudantes inscritos. Nel participan 14 centros de infantil e primaria (13 do Bierzo e 1 de Sanabria) e 4 de secundaria (do Bierzo), ademais da mencionada EOI. Para alén das actividades dirixidas aos centros, a programación conmemorativa deste Día do Galego no Bierzo tamén incluíu a entrega dos Premios Antonio Fernández Morales e varias mesas de traballo nas que tomaron parte docentes, representantes das Administracións, a Real Academia Galega e as asociacións culturais bercianas.