Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de presentación dos segundos Cadernos de Gres, que dá ao prelo a Fundación Xosé Neira Vilas coa colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua. Participaron no acto canda o responsable da Lingua o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o profesor e investigador Xosé Antonio López Silva; o dramaturgo Carlos Labraña e a profesora e editora Alba Rozas.
O volume dá a coñecer material inédito do autor de Memorias dun neno labrego, así como estudos arredor da súa obra e outros textos derivados das actividades e encontros impulsados pola fundación. En relación cos inéditos, este segundo número do Caderno de Gres inclúe un anaco do Dietario derradeiro de Neira Vilas, un feixe de pequenos textos que recollen o día a día do autor, con referencia a actividades, viaxes etc. e que nesta entrega, abranguen os anos 2012 e 2013. A peza ofrece tamén senllos artigos de fondo nos que se analiza un libro esencial na traxectoria de Anisia Miranda, Mitos e lendas da vella Grecia.