Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da publicación Embegoñármonos... con dez conversas, elaborado por alumnado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro. Trátase dun conxunto de dez entrevistas a dez persoas (familia, amigas, compañeiras e compañeiros de traballo) vinculadas a Begoña Caamaño, a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026.
Con este traballo faise un percorrido pola súa traxectoria vital co obxectivo de contribuír ao seu coñecemento no contexto social, cultural e político, sen esquecer o seu compromiso. Cada unha destas entrevistas vai acompañada dun debuxo, tamén realizado polo alumnado, de distintas tendencias artísticas: expresionismo, pop-art, surrealismo, fauvismo etc. Inclúe A banda sonora dos afectos que permite escoitar as 36 dedicatorias e cancións que outras tantas persoas, que admiraron e coñeceron a Begoña, lle dedican.