O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou a canda o coñecido embaixador do galego no Xapón as dúas novas edicións bilingües galego-xaponés “Castelao. Pequena escolma” e “Heraclio Pérez Placer. Cantares”
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026.- Afonso D. Rodríguez Castelao e Heraclio Pérez Placer xa se poden ler en xaponés, grazas ás edicións bilingües galego-xaponés dadas ao prelo polo profesor e tradutor Takekazu Asaka, o coñecido embaixador da lingua e cultura galegas no Xapón que ano tras ano engrosa a nómina de autores e autoras da literatura galega traducidos ao idioma nipón. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou a canda Asaka (Takiño, en Galicia) na rolda de prensa de presentación, na que lle agradeceu ao profesor e tradutor “as dúas novas contribucións á proxección exterior da literatura escrita en galego, que seguen fortalecendo a ponte que desde hai 40 anos comunica a terra do Sol Nacente con Galicia, grazas á rigorosidade e xenerosidade de Takekazu Asaka”.
Canda eles, participaron na presentación, celebrada no Pazo de San Roque, o profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, autores dos limiares das obras, e Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro e académico da Real Academia Galega (R.A.G.).
Castelao. Pequena escolma (2026)
Asaka dá ao prelo Castelao. Pequena escolma (2026), como homenaxe a Castelao con motivo do 75º aniversario do seu pasamento, cunha selección representativa da obra do rianxeiro na que se inclúen o discurso Alba de Gloria, o relato Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, varias narracións de Cousas e outras prosas de Castelao publicadas na prensa, así como un texto sobre como se grafa “Castelao” a partir do texto “Ó saír de Madrid deprendín que o meu nome escríbese así en xaponés”, incluído en Diario 1921. O limiar, da autoría de Miguel Anxo Seixas, aborda a reflexión sobre “Castelao e a arte xaponesa”.
Heraclio Pérez Placer. Cantares (2026)
Asaka verte ao xaponés en edición bilingüe galego-xaponés Cantares premeados no certame D’Ourense (1887), unha obra poética escrita polo autor ourensán do Heraclio Pérez Placer (1866–1926). Trátase dunha colección de cantares tradicionais que o autor presentou no Certame Literario de Ourense en 1887, obtendo un accésit. O limiar, no que se inclúen a biografía do autor e anotacións sobre a obra, é de Armando Requeixo.
Ambas as dúas saen do prelo da man da Editorial Guinga Xobou (Edicións Vía Láctea), en Toquio, e contan co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua.
Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón
Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor xubilado de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega. Nos anos 90 participou como alumno nos cursos de verán para persoas de fóra de Galicia organizados pola R.A.G. e, desde entón, visita Galicia cada verán. No ano 2024 a R.A.G. nomeouno académico correspondente da lingua galega.
Como ensaísta e investigador, publicou volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón. E como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón deu ao prelo as versións xaponesas dos seis poemas galegos de García Lorca (1993); Cantares gallegos (2002 e 2009), Follas novas (2018) e Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; Os Eidos de Uxío Novoneyra (2017); Canzón da alma. Cantata a Ramón Cabanillas (2013), A rosa de cen follas (2019) e Samos (2025) de Ramón Cabanillas; o seu Xograr Martín Codax (2015); Tres xograres da ría de Vigo (2024); Convite para as Cantigas de Santa María (2023) ou Obra escolleita de Álvaro Cunqueiro (2025).