Cee (A Coruña), 9 de agosto de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Cee no acto conmemorativo do 30º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, un grupo poético de renovación cultural, social e literaria constituído nesta localidade en maio de 1996 que tomou o seu nome do Batallón Literario de Santiago do s. XIX. O acto, conducido pola poeta, tradutora e xestora cultural Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, celebrouse no Auditorio Baldomero Cores e incluíu a entrega do galardón I Certame Batallón Literario da Costa da Morte a Xosé Luís Mosquera Camba pola obra Infelices aves (traxicomedia lírica), a proxección do documental audiovisual "O Batallón 30 anos despois" e a actuación musical de Fernando Fraga e Néstor Fidalgo.