Valentín García e Magín Blanco presentan o musical A Nena e o Grilo camiño das cores

O espectáculo de dinamización lingüística arranca no FalaRedes 2026 o sábado 12 de setembro en Mondoñedo

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o músico Magín Blanco presentaron hoxe o novo musical A Nena e o Grilo camiño das cores, un espectáculo de dinamización lingüística que arranca no marco do programa FalaRedes 2026 este sábado, 12 de setembro, no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo ás 18:00 h. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade da sala. Toda a información no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

A Nena e o Grilo camiño das cores é a cuarta e última entrega do exitoso musical de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos que conta con tres espectáculos previos: O País das ApertasA Nena e o Grilo nun barquiño e A Nena e o Grilo máis aló. O proxecto comezou en 2010 co álbum O país das apertas e a creación de tres propostas escénicas que chegaron ao público da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, cunha moi boa acollida entre o público familiar.

Este outono, a proposta de ocio en galego do FalaRedes inclúe o derradeiro espectáculo da saga. Nesta ocasión, a Nena e o Grilo viven unha nova aventura chea de sorpresas. Os dous personaxes volven estar interpretados por Montse Piñón e Pepablo Patinho acompañados en escena por Jorge Casas, da compañía Teatro Ghazafellos. Os tres descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. Esta última produción consolida e expande os obxectivos cos que A Nena e o Grilo se iniciou hai dezaseis anos: contribuír a descubrir, valorar e pensar a amizade, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade.

Imaxes relacionadas