Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe á tarde na presentación do curso Microcredencial Universitaria en mestres e mestras polo galego: boas prácticas de normalización lingüística na primeira infancia, unha nova acción formativa que ofrece por primeira vez a Universidade de Santiago (USC) no marco do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia baixo a dirección e docencia da profesora e académica da lingua galega María López Sández. O novo curso está dirixido a futuros/as docentes de ensino infantil e primario e ten como obxectivos favorecer a normalización da lingua galega desde as aulas afondando no coñecemento do marco normativo e sociolingüístico da normalización lingüística en Galicia no contexto educativo; identificando e analizando boas prácticas de promoción do galego no ámbito da primeira infancia, elaborando propostas didácticas e campañas de normalización lingüística adaptadas á realidade do centro educativo, desenvolvendo competencias profesionais para fomentar o uso do galego como lingua de comunicación, aprendizaxe e socialización na aula e utilizando recursos e ferramentas prácticas para deseñar intervencións de promoción lingüística innovadoras. Ten unha duración dun curso académico e desenvólvese en dúas materias: Sociolingüística, ecolingüística e boas prácticas normalizadoras no contexto galego e Deseño e planificación de campañas de normalización da lingua galega.