Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "O Carrabouxo", Premio Otero Pedrayo 2026

O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá a reunión do xurado desta edición na que participaron o secretario xeral da Lingua e o director xeral de Cultura

Bergondo (A Coruña), 27 de outubro de 2026.-O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe ao mediodía no Pazo de Mariñá na xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, na que se acordou conceder este recoñecemento aos humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois González Vázquez (O Carrabouxo). O galardón recoñece ex aequo a tripla traxectoria por “levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos” tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece ademais “o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia”.

O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se celebrará antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo” incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.

Imaxes relacionadas