Perugia (Italia), 2 de novembro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou o pasado xoves, 29 de outubro, no acto conmemorativo do X Aniversario do Centro de Estudos Galegos (CEG) de Perugia, un dos tres CEG cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta en Italia. O acto incluíu unha presentación e posterior coloquio co escritor e profesor Manuel Portas, arredor da nova edición en italiano da obra Lourenço, Xograr, galardoada co Premio Manuel García Barros 2025. Lourenço, Giullare tamén foi presentado polo autor e pola tradutora ao italiano, Gloria Castelli, na sede do Instituto Cervantes de Roma na véspera da presentación en Perugia, coa colaboración do CEG de Roma. O libro de Manuel Portas constitúe unha importante contribución desde o ámbito da narrativa escrita en lingua galega á divulgación da historia e da literatura medieval galegas por medio dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço.