Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra Guía de Galicia. Edición do Centenario, de Ramón Otero Pedrayo, nun acto celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No marco da celebración do Ano Oteriano declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do polígrafo ourensán, a Editorial Galaxia recupera, co apoio da USC e da Secretaría Xeral da Lingua, cen anos despois da súa primeira publicación, unha das obras fundamentais para coñecer e comprender Galicia nunha edición especial do centenario (1926-2026).
Na Guía de Galicia, Otero Pedrayo reuniu xeoloxía, xeografía, historia, patrimonio, economía, paisaxe, artes e cultura para ofrecer unha visión integral do país. A obra permitiulle sistematizar por primeira vez a súa interpretación de Galicia e converteuse nun referente para sucesivas xeracións de lectores, así como nun instrumento esencial para descubrir e comprender o territorio e a súa identidade.
A nova edición propón unha lectura que establece un diálogo entre a Galicia que describiu Otero Pedrayo e a que coñecemos na actualidade. A través de novas achegas, referencias e anotacións, permite descubrir como evolucionaron o territorio, as cidades, o patrimonio e a sociedade galega ao longo destes cen anos.
O volume, de 635 páxinas, recupera o texto revisado e acompañado dun amplo traballo de contextualización histórica e cultural. Incorpora tamén un importante patrimonio fotográfico, con 40 imaxes de José Suárez e unha selección de fotografías de Ksado e Jaime Solá, que contribúen a reconstruír a memoria visual de Galicia.
Canda o responsable da Lingua participaron na presentación Francisco Durán Silva, director da Cátedra Institucional Otero Pedrayo; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Eduardo López Pereira, director da Fundación Otero Pedrayo; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia e Manuel Gago Mariño, responsable da edición crítica.