A facultade de Filoloxía acolle ata o 18 de abril unha exposición que visibiliza o legado das mulleres na literatura universal

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na inauguración da mostra ‘8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo’, que conta co apoio da Xunta

Recolle o traballo de Mary Shelley, Harriet Beechet Stowe, Bertha Von Suttner, Betty Friedan, Clara Campoamor, Harper Lee, Rachel Carson e Hanna Arendt

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na inauguración da exposición 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que desenvolve a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Xunta de Galicia para visibilizar o legado das mulleres na literatura universal.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou “a importancia de fomentar discursos que poñen en valor o labor e o talento das mulleres ao longo da historia, facéndoo ademais en galego, o que contribúe á normalización da lingua no marco universitario”. Ademais, Valentín García quixo agradecer “a colaboración e a implicación da USC, a través da súa Biblioteca Universitaria, en iniciativas que acheguen a cultura e a lingua á xente nova”.

Canda o titular de Política Lingüística tamén participaron no acto inaugural, que acolleu a Facultade de Filoloxía da USC, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo; a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal; o decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijóo, e a directora da Biblioteca de Filoloxía, Pilar Díez.

A mostra está composta por nove paneis que recollen as obras de mulleres clave dos últimos dous séculos: Mary Shelley -con Frankestein ou o moderno Prometeo-, Harriet Beechet Stowe -con A cabana do Tío Tom-, Bertha Von Suttner -con Abaixo as armas-,  Betty Friedan -con A mística da feminidade-, Clara Campoamor –con O voto feminino e eu-, Harper Lee -con Matar a un reiseñor-, Rachel Carson -con Primavera silenciosa- e Hanna Arendt -con Eichmann en Xerusalén-.

A mostra permanecerá na Facultade de Filoloxía ata o 18 de abril para desprazarse, posteriormente, á Biblioteca Concepción Arenal, onde poderá visitarse do 23 de abril ao 16 de maio.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: