A Xunta destina 350.000 euros á promoción da lingua galega nas entidades locais

Volver

A convocatoria de axudas está dirixida a apoiar a creación, o reforzamento e o mantemento dos servizos lingüísticos, así como as programacións municipais de dinamización lingüística

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia entre hoxe e o 26 de abril

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia destinará este ano 350.000 euros á promoción da lingua galega no eido local. Así o recolle a resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, procedendo á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Deste xeito, os concellos galegos e agrupacións dos mesmos que superen os 3.000 habitantes poderán solicitar desde hoxe e ata o 26 de abril estas axudas, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico e promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega nas entidades locais. As solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral de Política Lingüística e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Con este apoio, as entidades beneficiarias prestaranlle á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implantación de programas de dinamización lingüística.

 

Os concellos ou agrupacións destes que resulten beneficiarios terán a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2024.

 

A convocatoria enmárcase nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), que integra máis de 200 entidades e os programas e as iniciativas asociadas a ela.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: