O novo volume do Centro de Estudos Galegos do Algarve analiza as consecuencias da teoría das orixes celtas de Galicia
VolverO secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do libro de María Xesús Lama López
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Apropiación cultural e contradiscurso histórico. A materia artúrica na literatura galega, da filóloga e profesora María Xesús Lama López. Dividida en dous volumes, a obra fai un seguimento das consecuencias da teoría das orixes celtas de Galicia a través da conexión coa materia artúrica medieval do século XX.
A obra enmárcase na Colección Textos e Estudos, dirixida desde 2017 polos profesores Pedro Alfonso Ferré da Ponte e María Jesús Botana desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
O libro defende a tese de que o desenvolvemento da creación en prosa en Galicia propicia unha mirada cara á prosa da Idade Media e as orixes do xénero novelesco pola conexión coa tradición céltica. Partindo desta teoría, o traballo analiza os textos galegos máis significativos da produción literaria galega do século XX que utilizan os temas e motivos da materia de Bretaña nunha secuencia cronolóxica que pasa por autores como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín.