O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude comparece, a petición propia, no Parlamento de Galicia para avanzar a folla de ruta dos vindeiros anos

López Campos fai un chamamento ao consenso para seguir impulsando e prestixiando o uso do galego

Volver

Nas vésperas das Letras Galegas, propón iniciar un camiño de colaboración para proxectar a Galicia cara ao futuro e traballar pola nosa gran riqueza lingüística desde a concordia e con liberdade

A mocidade xoga un papel fundamental neste novo proxecto que mira ao futuro asentándose na transversalidade, a innovación, o benestar e a xeración de riqueza

Anuncia o novo Plan estratéxico da Cultura Galega, que, co horizonte en 2030 e consensuado co sector, axude a coordinar e planificar as liñas de traballo desta década

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo hoxe un chamamento para buscar os consensos necesarios que permitan seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos da sociedade. Fíxoo no Parlamento de Galicia, onde o representante da Xunta de Galicia compareceu a petición propia no Pleno para avanzar a folla de ruta do seu departamento para os vindeiros anos.

Neste senso, nas vésperas da celebración das Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta, López Campos, propón iniciar un camiño de colaboración para proxectar a Galicia cara ao futuro. “Vivimos nunha Galicia que coñece, quere e usa o galego e na que a lingua é unha gran riqueza pola que debemos traballar desde a concordia e con liberdade”, subliñou.

“A política lingüística do Goberno galego permitiu que hoxe contemos cun modelo integrador no que cabemos todos e non confrontamos con ninguén”, destacou antes de avanzar que este modelo “a seguir en todos os ámbitos da vida”, é tamén “a columna vertebral da nosa folla de ruta: un proxecto para todos e todas as galegas”. 

Esta será unha das principais liñas de traballo do novo proxecto no que, como explicou, a mocidade xoga un papel fundamental “para mirar cara ao futuro asentándose na transversalidade, a innovación, o benestar e a xeración de riqueza”. “Non partimos de cero, xa que contamos coa sabedoría e bo facer da tradición herdada por cada un dos conselleiros que me precederon e cun bo momento no que a cultura representa hoxe máis do 3 % do noso PIB”, afirmou.

Así, os obxectivos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude consisten en reforzar a coordinación entre departamentos para continuar nutrindo o universo cultural galego, promovendo o uso da lingua e dando resposta a necesidades concretas da mocidade. Para conseguilo, unha das primeiras medidas é a creación dun novo Plan estratéxico da Cultura Galega, unha folla de ruta plenamente consensuada co sector que, co horizonte no ano 2030, axude a planificar conxuntamente as principais liñas de acción das políticas culturais públicas e privadas desta década.

Neste contexto, tal e como avanzou, prestarase especial atención ás celebracións xacobeas dos próximos anos. “O Xacobeo é o mellor escaparate de Galicia no mundo e os dos anos 2027 e 2032, nos que consolidaremos un gran festival en cada unha das cidades, van representar un conxunto impresionante de oportunidades e desafíos para toda a sociedade”, subliñou.

Ademais, co fin de que as dotacións culturais estean preparadas para estes retos e outros do futuro, a Xunta de Galicia elaborará un Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas que, en diálogo e colaboración cos seus responsables, recolla as principais necesidades destes equipamentos.

Tamén se poñerá en marcha unha folla de ruta específica para impulsar a internacionalización da cultura, a través da presenza de creadores galegos en feiras e eventos do circuíto internacional, e tamén da lingua galega, mediante os centros de estudos galegos, presentes en 40 universidades do mundo, así como  a coordinación coa Secretaria Xeral da Emigración para levar a cabo actividades nos centros galegos de todo o mundo.

Dixitalización

No eido da dixitalización, o plan de ruta inclúe a elaboración da primeira Lei de Cultura dixital feita nunha comunidade autónoma, que acompañará aos sectores culturais na imprescindible transformación dixital, o novo Centro galego das Artes Dixitais, a creación de novos produtos ou a continuidade do Proxecto Nós.

Deste xeito, tras os avances feitos nos últimos anos para impulsar o uso da lingua galega no ámbito da intelixencia artificial e para que os automatismos falen galego, a Administración autonómica seguirá agora afondando neste camiño coa creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil cos que favorecer os vínculos das xeracións máis novas coa lingua galega.

Neste senso, López Campos anunciou o inicio proximamente das obras do Centro de Artes Dixitais de Galicia, un proxecto pioneiro en Galicia situado na Cidade da Cultura que permitirá aproveitar as oportunidades creativas do Gaiás xunto coa ventá de posibilidades que as tecnoloxías dixitais están ofrecendo como motor de desenvolvemento cultural e económico.

Tamén no ámbito da dixitalización, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude informou da creación do Plan de dixitalización do patrimonio cultural galego, unha ferramenta que pon a tecnoloxía e a innovación ao servizo dun dos nosos tesouros máis senlleiros mediante a xeolocalización, o 3D ou a realidade virtual co fin de favorecer un maior coñecemento da nosa riqueza patrimonial. Para acadar os resultados desexados neste Plan, segundo explicou, xogará un papel fundamental o novo Observatorio da Innovación no Patrimonio Cultural, que ofrecerá unha foto precisa do gran potencial de Galicia neste eido.

Plan Ribeira Sacra

“Imos conseguir que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco”, declarou o representante galego que puxo en valor todo o traballo feito desde o aprazamento estratéxico da candidatura. "Temos unha visión estratéxica para os próximos anos e é que a Ribeira Sacra sexa referente mundial dunha Paisaxe Cultural única e excepcional, modelo de xestión sustentable dos recursos do territorio, no que as comunidades locais e os visitantes, convivan comprometidos coa preservación da autenticidade dos seus singulares valores patrimoniais, culturais e paisaxísticos”, precisou.

Este novo documento está articulado en sete programas que inclúen diferentes accións de vital importancia para a ordenación, o desenvolvemento e a protección do territorio. Ademais actuarase de xeito transversal nos ámbitos da cultural, a lingua, a xuventude, o medio ambiente, o territorio, a vivenda, as infraestruturas, a mobilidade, a enerxía, a economía, o emprego, a industria e o medio rural para garantir “a preservación da autenticidade dos singulares valores patrimoniais, culturais e paisaxísticos desta zona”.

Outro fito importante na conservación da identidade como símbolo de Galicia será o impulso, en colaboración co Parlamento de Galicia, da creación da Fundación do Panteón dos Galegos Ilustres onde descansan algúns dos persoeiros que instalaron con forza “os alicerces fundamentais dunha patria que é a nosa polo que debe ser lugar de culto, visita e estudo”, engadiu.

Creación de benestar

Tal e como explicou, as industrias culturais eríxense como creadores de emprego e prosperidade. Así o demostran os últimos datos que reflicten que nunca antes na historia de Galicia houbo tanta oferta, consumo ou demanda cultural. Ademais, as cifras de emprego son as maiores desde que existen estatísticas e actualmente máis de 36.000 persoas desenvolven a súa actividade dentro do sector cultura.

“Estes datos anímannos a seguir traballando con autoesixencia”, afirmou o conselleiro antes de explicar que unha das prioridades nos vindeiros anos será o fortalecemento de circuítos culturais como son a Rede galega de teatros e auditorios, a Rede galega de salas, a Rede galega de Músicas ao Vivo ou o ciclo Cultura no Camiño.

Para iso, entre as medidas previstas está a actualización da normativa da Rede Galega de Teatros ou a publicación, a vindeira semana, de novas axudas para a Rede Galega de Músicas ao Vivo. “O obxectivo desta liña dotada con 400.000 € para os anos 2024 e 2025 é darlles máis facilidades e estabilidade ás salas de concerto que, nalgúns casos, son os únicos espazos culturais das vilas do rural”. A estas axudas súmase a nova convocatoria de Fest Galicia publicada hoxe con 450.000 € para continuar traballando en consolidar a imaxe de Galicia como terra de festivais polo seu impacto cultural, económico e turístico.

Na súa comparecencia, José López Campos referiuse a Galicia como “unha fábrica de talento en diferentes disciplinas que debemos seguir apoiando”. Así o demostran os diferentes premios obtidos polos creadores galegos nos últimos anos. No eido da música, o obxectivo é fomentalo a través dunha nova liña de apoio que está sendo elaborada en coordinación co sector e que verá a luz en breve para “prolongar o fantástico momento que vive a música galega”.

Audiovisual

Pola banda do audiovisual, indicou que tras a posta do Hub Audiovisual e da Industria Cultural da Xunta cun investimento de 9,6 M€ no sector, as políticas públicas neste eido irán destinadas a desenvolver as capacidades de Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais. Para isto, o Goberno galego dará un paso máis para, a través da Galicia Film Commission, intensificar os incentivos económicos, establecer un plan de accións de promoción internacional e coordinar ao resto das administracións. Ademais, farase especial fincapé en sumar máis produción audiovisual en galego con medidas como a liña de axudas á produción, dotada con 3 M€, que o pasado ano destinouse na súa meirande parte a proxectos en versión orixinal en galego.

Un proxecto para todos e en todo o territorio

O obxectivo desta ambiciosa folla de ruta posta en marcha é, segundo afirmou o representante da Administración galega, promover un proxecto para todos que chegue a todo o territorio e no que ninguén quede fóra independentemente da súa idade ou lugar de residencia. Para iso, retomarase a tramitación da primeira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira en España e en Europa que chegará proximamente ao Parlamento e que suporá un paso decisivo para garantir a participación efectiva de todas as persoas, nomeadamente das mulleres e daquelas que viven en zonas non urbanas.

Dentro da especial atención ao rural, continuarase con programas como De Vilatriste a Vilalegre, o espectáculo itinerante que se acaba de poñer en marcha; Cultura no Camiño, A Furgoteca ou a posta en marcha da Rede Adival de dinamización cultural, que combinaremos cun novidoso Plan de dinamización cultural xove, para potenciar a cultura e as alternativas de ocio para a mocidade. Ademais, tamén desde a perspectiva de Xuventude, López Campos anunciou a posta en marcha de novos Espazos Xoves e residencias xuvenís para atender as necesidades de todos os mozos e mozas de Galicia, así como a creación de oficinas especializadas en orientación xuvenil que servirán como reforzo dos programas de mentorizaxe para favorecer a inserción laboral.

Máis de 11.500 prazas na Campaña de Verán

A Campaña de Verán da Xunta ofrece para este ano máis de 11.500 prazas en distintos campamentos para mozos e mozas. Isto, tal e como informou o conselleiro, supón un récord histórico que sitúa a Galicia como un referente no panorama nacional no eido do ocio educativo e do tempo libre. “Ningunha outra administración autonómica ten programas ou unha campaña de verán como a nosa por iso traballaremos para continuar consolidando este camiño e abrir novas oportunidades para a nosa mocidade”, destacou.

No que atinxe a este ámbito, López Campos fixou como obxectivo do seu departamento reducir a idade media de emancipación ata os 28 anos e aumentar a taxa ata o 50 % coa creación dunha Estratexia Galega de Emancipación dotada con proxectos e iniciativas que favorezan a autonomía da xente nova. Neste senso, avanzou que proximamente o Goberno galego aprobará unha nova normativa en materia de Xuventude que actualiza o decreto do ano 2000 para adecuarse aos novos tempos, nomeadamente en canto á formación das persoas educadoras ou ás actividades de tempo libre que se ofertan.

Ademais, nos vindeiros meses porase en marcha un Plan estratéxico de Xuventude que, poñendo a transversalidade no centro, garanta que a mocidade sexa unha potencia social ao facela partícipe de actuacións en materias de igualdade, vivenda, emprego, mobilidade, deporte ou sanidade. 

Departamento: Tema: