Valentín García destaca a Rosalía de Castro como “muller referente para a lingua galega”
VolverO secretario xeral da Lingua participa na inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da Universidade de Santiago coa que, afirmou, “seguiremos aprendendo dela”
Estes estudos, nos que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, promoven achegas sobre a autora desde perspectivas e paradigmas renovadores, sen esquecer os aspectos máis tradicionais
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da Universidade de Santiago, que se dedicará ao estudo académico e crítico da obra e da figura da escritora nas súas múltiples dimensións, “permitíndonos seguir aprendendo dela”, apuntou.
Trátase dunha iniciativa que, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, supón “un privilexio ao permitir que a día de hoxe se siga estudando e descubrindo a Rosalía, unha muller que logrou ser o referente dunha lingua, a galega, fito que non ocorreu con outro idioma”. Neste senso, o responsable de Lingua da Xunta destacou o labor investigador ao redor da autora que, lembrou, “sempre nos acaba por ensinar novas perspectivas e reflexións”. Así agarda que se leve a cabo con esta Cátedra, froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
De feito, a intención destes estudos é promover achegas sobre a escritora desde diferentes paradigmas que sexan renovadores, sen esquecer a atención dos aspectos máis tradicionalmente filolóxicos. Por outro lado, Valentín García tamén resaltou o obxectivo de “reforzar a proxección e coñecemento dunha figura tan ilustre máis alá do ámbito galego, a nivel internacional”.
No acto celebrado no Pazo de Fonseca, estivo acompañado polo o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; a directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade Villar, e o codirector, Fernando Cabo Aseguinolaza.
Insignia de Ouro a Catherine Davies
Na liña desa idea de recoñecemento de Rosalía de Castro lonxe de Galicia, precisamente no acto foille concedida a Insignia de Ouro da USC a Catherine Davies, que ofreceu a lección inaugural Rosalía de Castro e Cuba. A galardoada, actualmente profesora emérita da Universidade de Londres, tivo a obra e o contexto socio ideolóxico de Rosalía de Castro como base do seu traballo desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984.