Representantes do Instituto de Estudos do Territorio, da Secretaría Xeral da Lingua e da Real Academia Galega reuníronse para abordar as posibles vías de colaboración
A Xunta impulsa un grupo de traballo interdepartamental para avanzar na normalización e recuperación da toponimia galega
VolverO obxectivo principal é poñer en marcha o Nomenclátor Xeográfico de Galicia como modelo único e integrado dos datos toponímicos e en harmonía coa directiva da UE
A iniciativa responde á necesidade de avanzar no proceso de normalización dos nomes cos que se identifican os diferentes espazos do territorio para evitar que se perda o seu valor como parte fundamental do patrimonio inmaterial da comunidade
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia impulsará un grupo de traballo integrado por diferentes departamentos autonómicos e outras institucións oficiais co obxectivo de avanzar na recuperación, actualización e normalización da toponimia galega.
Con tal fin, representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Real Academia Galega (RAG) mantiveron recentemente unha reunión na que analizaron a mellor forma de canalizar o labor que realizan neste eido a través do reforzo da colaboración interdepartamental.
Concretamente, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e a subdirectora xeral de Planificación de Dinamización Lingüística, María Coutinho, xunto a membros da Comisión de Toponimia e do Seminario de Onomástica da RAG, coincidiron nesta xuntanza na necesidade de unir esforzos para actualizar as bases de datos toponímicas recollidas na plataforma Galicia Nomeada xunto cos datos obtidos nos últimos anos grazas aos diferentes produtos cartográficos desenvolvidos polo IET.
Esta colaboración, que se plasmará a través dun convenio entre todas as partes implicadas, permitirá realizar conxuntamente unha serie de traballos para avanzar cara ao obxectivo principal, que é acometer a posta en marcha do Nomenclátor Xeográfico de Galicia (NXG), un modelo único e integrado de datos xeorreferenciados que ademais estaría harmonizado co nacional e coas especificacións da directiva europea Inspire.
Para logralo, na reunión expúxose que a vía a seguir será recompilar todas as bases de datos de topónimos existentes e utilizadas en distintas aplicacións, abordar o deseño do NXG para proceder á integración e xeorreferenciación de todos os topónimos nesta base de datos, adaptar as diferentes aplicacións para o seu uso e elaborar ferramentas que permitan seguir incorporando novos nomes xeográficos (topónimos xeorreferenciados).
A revisión e posta en marcha deste nomenclátor suporá a normalización lingüística e xeorreferenciación de toda a toponimia, o incremento das referencias toponímicas grazas ao traballo previo de integración e recompilación, así como a difusión dos datos entre organismos, públicos ou privados, e tamén empresas, garantindo ademais a calidade da información.
Patrimonio inmaterial
A iniciativa impulsada por ambas consellerías, co apoio da RAG, parte de que a perda da toponimia —que segundo a Unesco é un dos elementos fundamentais que conforman o patrimonio inmaterial dos pobos— responde non só a recuperación do esquecemento dos nomes do territorio senón tamén a necesidade da súa completa normalización para que o uso da toponimia sexa o axeitado e se evite, deste xeito, que se esqueza o valor dos lugares e espazos do territorio afectados por estas circunstancias.
Neste sentido, a obriga da Xunta é garantir a calidade da información dos topónimos históricos e de nova creación que forman parte do patrimonio cultural e tradicional da comunidade galega.
Así mesmo, cómpre lembrar que no ano 2017 o Goberno autonómico aprobou o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia no que se regula que o IET é, xunto coa Comisión de Toponimia, o organismo responsable de asegurar a xeorreferenciación precisa de cada un dos nomes xeográficos.
Ademais, no Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica 2022-2025 —o instrumento básico de planificación da produción cartográfica da Xunta e do resto do sector público autonómico— sinálanse as actividades necesarias para actualizar a información toponímica na cartografía, así como a elaboración dunha base de datos que aglutine toda a toponimia do territorio, o Nomenclátor Xeográfico de Galicia, polo que a través desta colaboración tamén se lle daría cumprimento ao establecido no propio plan.
Recuperar do esquecemento a riqueza toponímica do noso territorio e normalizar o seu uso lingüístico supón facilitar o seu emprego e difusión en todos os eidos, tanto da actividade pública como privada e, así, conservar e aumentar o valor do patrimonio cultural de Galicia no contexto que aconsella a normativa europea e a propia Unesco.