A Xunta realizará novas probas Celga para os niveis 2, 3 e 4 na segunda quincena de novembro
VolverTrátase da segunda convocatoria neste 2024 para obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, remata o día 25 deste mes
As datas concretas das probas, que terán lugar simultaneamente en Santiago e Ponferrada, publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega. Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2024 e nela prevese a realización dos exames correspondentes aos niveis Celga máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.
A realización destas probas está prevista para a segunda quincena de novembro tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. As datas concretas dos exames publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.
Esta convocatoria forma parte do traballo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer o coñecemento e emprego da lingua galega de toda a sociedade e, nomeadamente, daqueles non nacidos en Galicia.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (16,92 €) será de 15 días hábiles desde a data de publicación. Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Xunta, ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.