O presidente da Xunta participa no 70 aniversario da inauguración dunha estatua na honra da autora en Porto
Rueda reivindica figuras como a de Rosalía de Castro como símbolo da irmandade entre Galicia e Portugal
VolverDeclaracións do presidente da Xunta
Eloxia o seu papel como "embaixadora universal da cultura galega" e reafirma a importancia de seguir fortalecendo os lazos de fraternidade que unen ambos territorios
Pon en valor a consolidación do ensino da lingua portuguesa en Galicia, cuxo alumnado se multiplicou por catro na última década, superando os 5.000 estudantes
Porto (Portugal), 14 de outubro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto conmemorativo do 70 aniversario da inauguración da estatua en homenaxe a Rosalía de Castro na cidade de Porto, onde destacou que a obra da autora galega transcendeu fronteiras, sendo un exemplo de irmandade entre os pobos galego e portugués, unidos por unha historia, cultura e lingua compartidas.
Durante o seu discurso, Rueda destacou a importancia de Rosalía como unha das figuras “máis senlleiras da nosa cultura e da nosa lingua", lembrando que a escritora nada en Padrón foi un símbolo de resistencia, dignidade e defensa dos pobos e das súas identidades. Neste contexto, eloxiou o seu papel como "embaixadora universal da cultura galega".
Segundo o titular do Goberno galego, a estatua situada na Praça da Galiza é unha mostra do afecto e respecto mutuos, polo que agradeceu á cidade de Porto o manter vivos os vínculos entre territorios e reafirmou a importancia de seguir fortalecendo eses lazos de fraternidade que unen a Galicia e Portugal.
Ademais, puxo en valor a consolidación do ensino da lingua portuguesa en Galicia, cuxo alumnado se multiplicou por catro na última década, superando os 5.000 estudantes, e salientou que o alumnado galego que curse portugués no seu centro educativo pode acreditar gratuitamente o seu nivel nesta lingua grazas a un acordo pioneiro entre a Xunta e o Instituto Camões.
Entre outras iniciativas de cooperación, Rueda mencionou programas como "Ponte nas Ondas", que favorece o intercambio cultural entre centros da Eurorrexión, e o programa "Iacobus", que facilita o intercambio de investigadores entre universidades e centros tecnolóxicos de Galicia e Portugal.