O secretario xeral da Lingua participou na inauguración dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega, que contan con apoio da Xunta

Valentín García avoga por prestixiar o uso do galego no eido familiar e en todos os contextos da sociedade

Volver

O seminario aborda a importancia do idioma escollido nun ámbito que tamén deixa pegada cultural como é o dos servizos funerarios

Neste senso, o representante da Xunta destaca que hai que seguir “fomentando o emprego da lingua desde diversas perspectivas e en distintos espazos”

Subliña que “nun momento en constante cambio, con mudanzas sociais que involucran a lingua, o seu coñecemento continúa a ser moi elevado” 

Nesta liña, a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propón 50 medidas para incorporar novos falantes, especialmente entre as persoas de fóra e a mocidade 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu hoxe en que “estamos nunha sociedade en constante cambio, o que leva consigo tamén mudanzas sociais que involucran a lingua, presente en todos os ámbitos da vida, como no que ten que ver coas crenzas ou as tradicións”. Así o destacou durante a súa participación na inauguración dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e onde puntualizou que o obxectivo da Xunta é o de continuar fomentando o uso do galego desde moi diversas perspectivas “desde o eido dixital, as familias ou as persoas chegadas de fóra, ata espazos e contextos sociais que quizais estean menos presentes no pensamento común, como son os ritos fúnebres”.

De feito, no seminario abordouse a importancia do idioma escollido nos diferentes servizos funerarios das distintas confesións relixiosas e a súa pegada cultural. Neste senso, o responsable de Lingua da Xunta lembrou que desde hai anos o seu departamento colabora coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia na campaña En galego, agora e sempre que promove o uso do galego neste tipo de actos.

Ademais, Valentín García subliñou que, unha vez coñecidos os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, as políticas lingüísticas do Goberno autonómico “deben continuar poñendo o foco na utilización da lingua, porque queda constatado de novo que temos un elevado coñecemento do galego, cos maiores niveis de competencias lectoescritoras de todas os idiomas cooficiais de España”. Así, resaltou que “case o 100% das persoas consultadas afirmou entendelo, saber falalo, lelo e escribilo”.

Partindo destas estatísticas, indicou o secretario xeral, “e tendo en conta que só o 29,20% da poboación fala sempre castelán, trátase de prestixiar, estimular e potenciar o uso do galego no ámbito familiar e entre o alto índice de poboación chegada de fóra de Galicia nos últimos 5 anos”. Isto, aclarou, “pasa porque en calquera cuestión cotiá ou extraordinaria, consideremos o noso idioma unha boa opción, sen imposicións”.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de anunciar un plan de 50 medidas de cara ao 2025 co obxecto de impulsar o emprego do galego en todos os contextos da sociedade e que comezou coa campaña Saca a lingua que levas dentro, que procura poñer en valor o feito de contar cun idioma propio. Ademais, ofertaranse máis dun cento de cursos de lingua e cultura galegas para persoas procedentes do exterior, darase continuidade a proxectos no eido dixital, aos que se lle sumarán novas propostas, e será precisamente coas tecnoloxías coas que se achegará o uso do galego á mocidade.

Departamento: Tema: