O secretario xeral da Lingua deu conta en comisión parlamentaria sobre as medidas de impulso ao uso do idioma

A Xunta confía en que o Pacto polo Galego se converta nun compromiso da sociedade coa lingua

Volver

Valentín García sostén que “acadar un consenso político sería a mellor nova no tocante á percepción da poboación con respecto ao uso da nosa lingua”

Neste senso, defende que hai que “incidir no seu prestixio no eido familiar e entre a xuventude para que, ademais  de coñecela, tamén sintan orgullo de utilizala”

Para o vindeiro día 24 están convocados de xeito individual os grupos representados no Parlamento de Galicia a unha reunión de traballo para abrir o proceso de diálogo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza tamén noutras accións, como son os primeiros contactos con asociacións de persoas asentadas na Comunidade

Santiago de Compostela, 17 de outubro 2024

A Xunta confía en acadar pronto o consenso político ao redor do Pacto pola Lingua proposto aos grupos parlamentarios entre as medidas de impulso do galego porque “sería unha boa nova no tocante á percepción da poboación con respecto ao seu uso”. Así o afirmou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia onde deu conta das liñas de actuación do Goberno autonómico para fomentar o emprego do galego, que pasan, dixo, “por facer do uso da lingua unha causa de pacto social”.

Neste senso, o representante da Xunta incidiu en que “se chegamos a un pacto político, iso tamén nos levará a un pacto social e a impulsar o compromiso da sociedade coa lingua”. Así, mantivo que nesa senda de poñer en valor o galego teñen especial importancia “o eido familiar e a xuventude” e por iso, apuntou, “tendo en conta o elevado nivel de coñecemento que hai do idioma, con todas as competencias rozando o 100 %, temos claro que o obxectivo está en que sintan orgullo de utilizalo, e ese é un traballo de todos e todas”.

Valentín García lembrou que para o vindeiro día 24 deste mes de outubro están convocados a unha reunión de traballo todos os grupos representados no Parlamento galego, de xeito individual, para iniciar así un proceso de diálogo que xa fora anunciado coa posta en marcha da nova Consellería, a primeira da historia que eleva a lingua á súa denominación.

Potenciais galegofalantes

O secretario xeral abordou tamén durante a súa comparecencia outras accións nas que están a traballar, ademais do Pacto pola Lingua. Así, destacou a posta en marcha de medidas como os 100 cursos que se ofertarán o vindeiro ano sobre lingua e cultura galegas para incentivar o interese polo seu coñecemento e uso na poboación chegada do exterior asentada en Galicia. De feito, confirmou que xa se teñen iniciado os primeiros contactos con asociacións de persoas non nacidas na Comunidade para trasladarlle estas propostas. Nesta liña, o responsable autonómico da Lingua sinalou  que “os nados en Galicia continúan a elixir o galego como idioma preferente, mentres que as persoas provenientes de fóra son potenciais galegofalantes ás que temos que chegar”.

Do mesmo xeito, desde a Xunta tamén se quere continuar impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra. Así, en colaboración coa Universidade de Santiago, xa se puxeron en marcha novos recursos no portal neofalantes.gal que pasou a funcionar, ademais de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. A iso sumaranse outras iniciativas como a creación dun espazo de lecer a modo de repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego.

Finalmente, Valentín García indicou que o novo plan tamén se centrará no aproveitamento das tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar o galego nesta parte da poboación “creando vínculos entre a lingua e as novas xeracións a través dos medios que máis manexan”.

Campaña ‘Saca a lingua que levas dentro’

Deste xeito, o secretario xeral concluíu que a campaña de dinamización do uso do galego Saca a lingua que levas dentro, presentada hai uns días, resume moi ben a esencia da política lingüística da Xunta porque, dixo, pretende facer ver que “a lingua propia de Galicia é algo que temos interiorizado e así o corroboran os datos, polo que o mellor que podemos facer todos e todas por ela é mostrala”.

Departamento: Tema: