O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, participou na presentación da obra publicada polo gañador da categoría de novela no 2023
A Xunta recibe solicitudes de máis de 600 persoas no ‘Xuventude Crea’, a maior participación en 15 anos
VolverO certame supón un escaparate para o talento da mocidade en diversos eidos, sendo a fotografía, as artes plásticas e a poesía os de maior afluencia
Nesta décimo quinta convocatoria ascenden a 16 as especialidades, dúas máis que na anterior, coa incorporación de creación de contido e Dj
En total recibíronse 475 peticións, 200 máis que o ano pasado, mentres que o cómputo total de mozos e mozas dobra o da última edición, cando foron 337
López Campos destaca a “gran acollida dunha iniciativa que este ano mellora a proxección dos nosos creadores e creadoras con máis accións de visibilidade”
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024
O Xuventude Crea acada este ano a maior cifra de participación das súas 15 edicións, con 627 persoas inscritas. O certame, organizado pola Xunta de Galicia para impulsar o talento creativo da mocidade en moi diversas disciplinas, dobra así o número de mozos e mozas que tomaron parte na convocatoria do ano pasado, un total de 337.
Son datos que se deron a coñecer no acto de presentación do libro Alén da néboa, a obra gañadora da modalidade de novela na edición 2023, escrita polo nigranés Pedro Rodríguez Villar e que agora ve a luz da man da Editorial Xerais. Unha mostra, resaltou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, “da gran repercusión e as grandes vantaxes que ten o Xuventude Crea á hora de que os nosos creadores e creadoras mais novas se abran camiño e dean a coñecer a súa calidade e todo o seu potencial”.
Así, o representante da Xunta, que estivo acompañado pola diretora xeral de Xuventude, Lara Meneses, felicitou ao autor por ser “exemplo do talento que atesoura a nosa mocidade” e agradeceu a implicación de Xerais con este certame, amosando, dixo, “o compromiso da industria cultural galega cos nosos mozos”.
Neste senso, o responsable de Xuventude do Goberno galego mostrou a súa ledicia pola “gran acollida nesta nova edición que mellora a proxección dos traballos presentados con máis accións de visibilidade, por exemplo, coa presenza en eventos do sector artístico internacional”. A isto súmaselle, engadiu, “a aposta pola transversalidade nas políticas públicas que teñen que ver coa mocidade e que tamén se materializan nesta proposta”. Referiuse así á coordinación con outros departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Deste xeito, o certame inclúe desta vez a persoas galegas residentes no exterior, que viaxarán á Comunidade mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto. Pola súa parte, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras da sección Pro na categoría de teatro, impulsando o lanzamento da súa proposta artística.
En total, neste 2024 recibíronse 475 solicitudes, mentres que no 2023 foron 260 as peticións. Tendo en conta que en varias das disciplinas a participación pode ser grupal, o total de persoas que tomarán parte nas distintas semifinais, a celebrar os meses de outubro, novembro e decembro, ascende a máis de 600 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos.
16 categorías en competición
O Xuventude Crea 2024 está conformado por 16 modalidades, dúas máis que o ano pasado, sendo as especialidades de fotografía, de pintura (un dos apartados das artes plásticas) e de poesía as que rexistran maior afluencia.
Como novidades, incorporáronse nesta edición as categorías de creación de contido e Dj, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, no caso do teatro divídese en duas seccións, con cadanseus recoñecementos. Así, o apartado Amador é para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros. Por outra banda, o apartado Pro está destinado para compañías de nova creación, profesionais emerxentes, grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
O certame complétase coas disciplinas de escultura (artes plásticas), moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, e danza.
O certame consolídase como un programa con moi boa reputación no eido cultural e artístico galego. Sumando a participación desta décimo quinta edición, que terá a súa final a mediados de decembro, por el terán pasado mais de 5.300 persoas ao longo de todos os anos de celebración.