O presidente da Xunta participou na presentación do Observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade
Rueda aposta por dar un maior impulso ás relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos
VolverDeclaracións do presidente
Destaca que o número de alumnos que estudan portugués en Galicia supera os 5.000
Reivindica a necesidade de impulsar a alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Portugal para seguir avanzando nas sinerxías positivas entre ambas rexións
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por dar un maior impulso ás relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos e defendeu que Galicia cumpre todas as condicións para exercer un papel relevante como “ponte” entre o mundo lusófono e os países hispanos.
Así o manifestou durante a presentación e constitución do Observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade, un órgano que estará integrado polas entidades galegas relevantes na relación con estes países -tanto a nivel lingüístico como noutros eidos- e que terá como obxectivo asesorar a Xunta, formular plans de acción e deseñar actividades de coñecemento ou de intercambio.
O titular do Executivo Galego considerou que a constitución deste organismo servirá para afondar nas relacións entre Galicia e Portugal e, por extensión, con todos os países de fala portuguesa. Neste sentido, valorou que a afinidade lingüística co galego constitúe unha vantaxe competitiva.
Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de afondar, especialmente entre a xente nova, “na percepción da enorme utilidade da nosa lingua” e na “apertura ao mundo que nos dá o galego” a través dos vínculos coa lingua portuguesa. Así, hai tempo que a Xunta vén marcando como prioridade as relacións cunha comunidade de falantes que está conformada por 270 millóns de persoas. Así, na Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), aprobada en 2015, xa se fixa como prioridade estreitar lazos coa lusofonía.
Na súa intervención, Rueda lembrou que xa son “máis de 5.000 os estudantes que están en Galicia aprendendo o portugués e toda a cultura que ten que ver coa lusofonía”, cifra que apostou por poñer en valor e incrementar.
Ademais, recordou que a entrada de España como observador na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) permite que a comunidade estea agora presente en grupos de traballo de especial interese.
No ámbito das relacións con Portugal, destacou especialmente o papel da Eurorrexión, salientando varias das iniciativas que se promoven desde ela para aproveitar os lazos coa lusofonía, como o programa de intercambio académico Iacobus ou o cultural Nortear.
O presidente da Xunta tamén defendeu a necesidade de seguir unindo a voz para reclamar melloras que permitan avanzar no progreso de ambas rexións, como xa se fixo no recente plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, facendo mención á conexión de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Portugal para seguir progresando nas sinerxías positivas entre ambas rexións. “Estamos nun momento no que teremos que facer conxuntamente toda a forza necesaria nun interese común”, sinalou.