A Xunta impulsa máis de 40 actividades para celebrar o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas
VolverO secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentan a programación que, desde o ano 2014, ofrece propostas para a divulgación científica
Ao longo do mes de novembro haberá obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos para todos os públicos
Os centros educativos tamén acollen iniciativas variadas para sensibilizar aos máis cativos no uso da lingua galega na literatura deste eido
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe na presentación das máis de 40 actividades impulsadas pola Xunta de Galicia para celebrar en novembro o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. O obxectivo desta iniciativa, que se celebra de xeito consecutivo desde o ano 2014, é sensibilizar sobre o valor de empregar a lingua galega na divulgación científica.
Na presentación da programación, que se celebrou na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, os representantes do Goberno galego destacaron a importancia desta efeméride para “a difusión da ciencia a través dos libros e dos recursos en galego que están á disposición dos lectores”. Ademais, salientaron “a necesidade de trasladar este coñecemento aos máis cativos a través dos centros educativos, tal e como facemos con este programa”.
Unha ampla axenda científica
As bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollerán máis de 40 propostas a prol da divulgación científica. Deste xeito, haberá obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións. As actividades celebraranse durante todo o mes de novembro e poden consultarse nas páxinas web dos respectivos centros.
Ao mesmo tempo, os centros educativos de primaria e secundaria desenvolverán, ao abeiro desta programación, unha serie de iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes conceptos e coa tecnoloxía. Para levar a cabo todas estas citas, o Goberno galego impulsa a colaboración entre os equipos de dinamización lingüística e as bibliotecas escolares.
Como complemento ás iniciativas, o Goberno galego tamén ten aberto un portal web no que se atopan unha selección de materiais científicos e libros de non ficción en lingua galega. Ademais, impulsarán o programa Biblioteca Creativa e un concurso de traballos por proxectos, ambos co obxectivo de fomentar a aprendizaxe e a colaboración entre o alumnado e o profesorado.