Valentín García pon en valor o estudo de persoeiros senlleiros para a cultura galega
VolverO secretario xeral da Lingua participa na presentación da Cátedra Institucional Castelao para fomentar a investigación e difusión a nivel internacional do autor
Ao abeiro desta iniciativa, enmarcada na celebración en 2025, do 75 aniversario do seu pasamento, vanse promover encontros, debates ou conferencias
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da Cátedra Institucional Castelao que impulsa a Universidade de Santiago de Compostela, onde puxo en valor a aportación que fan á cultura galega os estudos de persoeiros senlleiros da historia de Galicia.
No marco deste acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como un dos autores galegos máis destacados. En referencia a este novo estudo “é necesario afondar e coñecer en profundidade as creacións dun dos referentes máis importantes da nosa lingua e cultura”, salientou o secretario xeral da Lingua.
Neste senso, fixo fincapé en que a creación desta cátedra é unha oportunidade para fomentar a investigación e a difusión a nivel estatal e internacional da ampla e diversa produción artística do ilustre rianxeiro. Ademais, incidiu que esta iniciativa se enmarca dentro das celebracións, que terán lugar o vindeiro ano 2025, conmemorando o 75 aniversario do pasamento de Castelao.
Ao abeiro deste proxecto vanse promover diferentes iniciativas como encontros, debates, conferencias ou estudos, todas elas enfocadas a difundir o legado dun dos representantes da Xeración Nós. Outras entidades vencelladas ao persoeiro levarán a cabo outras propostas de colaboración como exposicións, coloquios e diferentes manifestacións públicas.