A Xunta anuncia a realización de probas Celga en Madrid para o vindeiro 2025
VolverO secretario xeral da Lingua, Valentín García, inaugura os cursos de lingua e cultura galegas que se impartirán na Casa de Galicia en Madrid e entrega os diplomas aos participantes da pasada edición
No marco desta cita tamén se presentou o libro traducido ‘Eduardo Pondal, Poemas’
Madrid, 6 de novembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou hoxe, na súa visita á Casa de Galicia en Madrid, que o vindeiro 2025 a capital española acollerá as probas para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega. Tal e como explicou, trátase dunha iniciativa “para continuar promocionando a lingua e a cultura galegas dentro e fóra da nosa Comunidade”.
Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “o compromiso do Goberno galego co acercamento do noso idioma a persoas doutros territorios a través da convocatoria destas probas Celga noutros centros fóra de Galicia”. Así, “búscase dar a oportunidade a cada vez máis persoas de obter esta certificación”, destacou Valentín García.
No marco desta visita o secretario xeral da Lingua tamén presentou os cursos de lingua e cultura galegas que se seguirán impartindo nesta institución e fixo a entrega de diplomas aos participantes da pasada edición. Neste senso, salientou a colaboración entre o Goberno Autonómico e a Casa de Galicia en Madrid, “por manter o traballo conxunto na realización desta actividade de formación e promoción do idioma fóra da comunidade galega”.
Presentación da tradución ‘Eduardo Pondal, Poemas’
Ao abeiro deste acto, o representante da Xunta tamén tomou parte na presentación do libro Eduardo Pondal, Poemas, traducido por Julia Ures e presentado por Miguel Losada, onde salientou a figura do poeta como “unha das voces máis destacadas da Galicia do século XX, xunto con Rosalía de Castro ou Manuel Curros Enríquez“. No coloquio sobre o autor natural de Ponteceso participou Carmen Mejía Ruiz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid.