O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu á gala ‘Hematofesti’, que se está celebrando en Vigo en homenaxe a Miguel Ángel López, coñecido como o ‘Hematocrítico’

López Campos pon en valor o papel das redes sociais na divulgación da cultura e lingua galegas

Volver

Salienta o labor da Xunta a prol do acceso universal á cultura coa futura Lei da cultura accesible e inclusiva de Galicia, que está a tramitarse no Parlamento

Lembra que o Plan de 50 medidas para impulsar o galego procurará maior presenza da nosa lingua nas tecnoloxías e nas plataformas sociais empregadas pola mocidade

Vigo, 7 de novembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu hoxe o valor das redes sociais como “ferramentas imprescindibles” para facilitar a accesibilidade e divulgación de contidos culturais. Ademais, avogou por tirar proveito das mesmas para “prestixiar e potenciar o uso do galego” entre as persoas usuarias destas plataformas, especialmente, as xeracións máis novas.

Fíxoo durante a súa asistencia hoxe á gala da I Edición do Festival de humor e literatura infantil Hematofesti, certame que se está a celebrar estes días en Vigo en homenaxe e lembranza de Miguel Ángel López González, coñecido polas redes sociais como o ‘Hematocrítico’. Neste senso, puxo en valor o seu papel na difusión dun xeito “ameno, divertido pero, non por iso, menos rigoroso” de contidos culturais, “aos que permitiu que moita xente se achegase a través das redes sociais e explorando novas linguaxes cos que rachar clixés”.

Precisamente, o responsable de Cultura do Goberno galego salientou o traballo que a Xunta está a facer para mellorar a accesibilidade universal á cultura a través da pioneira Lei de cultura accesible e inclusiva de Galicia, en tramitación neste intre no Parlamento de Galicia.

De igual xeito, lembrou que unha das 50 medidas que porá en marcha en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para potenciar un maior uso do galego será a de “fomentar unha maior presenza do noso idioma nas tecnoloxías e redes sociais, tan empregadas pola xente moza”. Desta forma, segundo argumentou, procuramos demostrarlle á nosa mocidade que “o galego non ten cancelas en ningún espazo”, concluíu.

Departamento: Tema: