O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude respondeu no Parlamento a dúas interpelacións sobre o seu departamento

López Campos apela a sacar o galego da confrontación política

Volver

Avoga “pola responsabilidade de todos á hora de reclamar os fondos que nos corresponden para poder desenvolver proxectos de dinamización do idioma”  

Lembra que a Xunta “avanza con constancia e coa mellor das intencións no plan de medidas transversais para incentivar o uso social da lingua”

Incide en que o Pacto pola Lingua continúa con dous novos encontros con institucións esta semana, con Galaxia e a Real Academia Galega

Neste senso, a semana que vén retómanse os contactos iniciados cos grupos parlamentarios para continuar afondando nas accións a desenvolver

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, volveu incidir hoxe no Pleno do Parlamento en que “o galego non debe situarse nun escenario de confrontación, senón en achegas en positivo que permitan seguir prestixiando e mellorando o seu uso social”. Así, tal e como lembrou, a Xunta continúa a “traballar con constancia” no Pacto pola Lingua con novas reunións esta semana con institucións e entidades como a Editorial Galaxia e a Real Academia da Lingua, tras manter xa conversas co Consello da Cultura Galega ou o Arcebispado de Santiago.

A estes encontros, puntualizou o representante do Goberno autonómico, seguiralle a vindeira semana unha segunda rolda de contactos cos grupos parlamentarios “tal e como estaba previsto”, dixo, “para seguir afondando nas accións a desenvolver de maneira conxunta a prol do futuro da nosa lingua”. Neste sentido, López Campos apelou á “responsabilidade de todos á hora de reclamar os fondos que lle corresponden a Galicia para poder desenvolver proxectos de dinamización do idioma”. Fixo referencia así ao PERTE da lingua, os fondos europeos cos que se financian programas de grande importancia como o Proxecto Nós, que impulsa a presenza do galego no eido dixital.

Neste contexto, o responsable de Lingua da Xunta insistiu tamén en que nos orzamentos que se debaten estes días na Cámara “inclúese unha nova suba das partidas destinadas a política lingüística co obxectivo de impulsar unha senda que permita seguir aumentando os investimentos neste eido”.

Durante a súa intervención para responder a dúas interpelacións sobre a lingua, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, apelou de novo á “cordialidade ” de cara aos novos encontros coas forzas políticas, resaltando que o galego “non debe ser unha imposición, senón que o obxectivo é que se use por convicción”. Ademais, fixo fincapé en que “fomos nós mesmos os que tomamos a iniciativa coa mellor das intencións de propoñer un Pacto pola Lingua e en convocar aos grupos políticos”.

Cómpre lembrar que o Goberno galego puxo enriba da mesa un documento de traballo con varias liñas de base que se irá enriquecendo coas aportacións xurdidas do proceso de diálogo. Así, céntrase na renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; na posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; no incremento  dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; no traballo para situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e en seguir as recomendacións para Galicia da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como folla de ruta.

Accións transversais

As liñas para o impulso do galego propostas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúen un plan de medidas concretas que abranguen diversos ámbitos da sociedade, diferentes grupos de poboación, sectores profesionais e espazos, implicando así a varios departamentos do Executivo galego co obxectivo, afirmou López Campos, “de levar a cabo accións transversais nas que xa estamos avanzando para dar unha resposta o máis inmediata posible no sentido de mellorar o uso dunha lingua que ten as competencias aseguradas ”.

Neste sentido, o ano que vén poranse en marcha de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas chegadas do exterior, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en Galicia. A isto, engádense outras medidas centradas en ámbitos profesionais específicos como é o da sanidade ou o da xustiza, así como outras actividades enfocadas no ensino, do que o representante da Xunta destacou que “temos un modelo de equilibrio que funciona”.

Tamén se pretende seguir impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra. Neste senso, o portal neofalantes.gal comezou a funcionar, máis alá de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. Ademais, no eido dixital tamén destaca o mencionado Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situar a lingua nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas.

Isto, sen esquecer outras iniciativas como as campañas de concienciación e sensibilización sobre o uso do galego como a que está funcionar na actualidade baixo o lema Saca a lingua que levas dentro.

Departamento: Tema: