O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o presidente da institución mantiveron unha xuntanza na Coruña

López Campos avanza no proceso do pacto pola lingua cunha reunión coa Real Academia Galega

Volver

O representante da Xunta considera “fundamental para o proceso a participación social e a implicación das entidades máis relevantes para Galicia“

Este encontro prodúcese despois dos mantidos con outras entidades como o Consello da Cultura Galega, o arcebispado de Santiago ou a Editorial Galaxia

Á rolda de contactos súmanselle proximamente a Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades

Mentres, as conversas iniciadas cos representantes dos grupos parlamentarios volven retomarse a semana que vén

A Coruña, 22 de novembro de 2024 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, continuando así coas reunións previstas ao redor do Pacto pola Lingua, “un proceso no que desde o principio consideramos fundamental a participación social e a implicación das entidades máis relevantes para Galicia”, apuntou o representante da Xunta.

Así, o Goberno galego segue avanzando, puntualizou López Campos “nun proceso de diálogo que abrimos en clave positiva” e co que se busca, dixo, “consensuar propostas que nos permitan prestixiar a lingua e impulsar o seu uso social”. Neste senso, agradeceu a  disposición da Real Academia Galega, “unha institución sempre ao servizo da sociedade e co máximo nivel de compromiso coa nosa cultura e o noso idioma”, para sumarse a unha rolda de consultas nas que, confía, “aportará importantes achegas”.

O encontro prodúcese despois das conversas mantidas polo responsable autonómico da Lingua con outras entidades como o Consello da Cultura Galega, a Editorial Galaxia e representantes da Igrexa, sen esquecer outras reunións interdepartamentais como a que se produciu co responsable de Sanidade da Xunta para acotar accións no seu ámbito de actuación.

Plan de acción

Neste contexto, López Campos lembrou que están a cumprir coa “folla de ruta que establecemos desde o inicio co obxectivo de coñecer diferentes perspectivas que poidan enriquecer e facer medrar o plan de acción a prol do galego” e que seguirá dando pasos con novos encontros coa Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades galegas.

Nesta senda, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,  convocará de novo a semana que vén ás forzas políticas para progresar nas súas achegas, tras terlles presentado un documento de traballo como punto de partida “e que unha vez analizado nos pon de novo na situación axeitada para retomar conversas”, destacou neste sentido López Campos.

Cómpre recordar que por parte da Xunta elaborouse un texto de base no que se recollen as liñas clave para acadar ese Pacto pola Lingua que favoreza a presenza do galego e moi diversos ámbitos e grupos de poboación, e que ten vontade de enriquecerse coas propostas que vaian xurdindo no proceso, tanto propias como do resto das formacións políticas e das institucións.

Esas bases contemplan a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30 % da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; o posicionamento da CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, ou o seguimento das recomendacións para Galicia da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como referencia.

Neste marco, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé nos pasos que se foron dando xa desde ese punto de partida como a inclusión de novas iniciativas ao paquete de 50 medidas, aumentando os cursos programados mais alá dos enfocados ás persoas chegadas do exterior e cetrándoos tamén en distintos sectores profesionais como o sanitario ou o da xustiza. Ademais, tamén se propuxo declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual e estanse a constituír grupos de voluntariado linguístico para organizar conversas, entre outras iniciativas. Todo isto unido ao avance na campaña de dinamización e sensibilización Saca a lingua que levas dentro ou á continuidade do Proxecto Nós, que segue a avanzar para que o galego estea presente no eido dixital.

Departamento: Tema: Lingua