O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude retomou hoxe as reunións cos partidos representados no Parlamento no marco das conversas do Pacto pola Lingua

A Xunta propón 11 grupos de traballo para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega

Volver

López Campos incide en que “o impulso do uso social do galego pasa por actualizar este plan e adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística actual”

Destaca que con este novo paso o Goberno galego “continúa a avanzar no novo escenario para o noso idioma, tal e como nos comprometemos”

A proposta contempla diversos ámbitos como a administración, a educación, os medios de comunicación, a economía, a sanidade ou a proxección exterior

Trátase dunha das liñas nas que se asenta o documento inicial presentado polo Executivo autonómico nas primeiras conversas con forzas políticas e institucións

Santiago de Compostela, 28 de novembro 2024

A Xunta propón a creación de once comisións de traballo que abranguen moi diversos eidos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega. Así llo presentou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes dos grupos parlamentarios cos que se reuniu de novo hoxe para continuar as conversas de cara a acadar un Pacto pola Lingua. Así, nesta segunda toma de contacto coas forzas políticas, o representante do Executivo autonómico explicou que con esta proposta “damos un paso adiante na creación dun novo escenario para o noso idioma”, asegurando que “non paramos de traballar para impulsar o uso social do galego, que pasa por actualizar ese plan, tal e como nos comprometemos, e adaptalo á realidade dos nosos días”.

Neste sentido, López Campos reiterou que “estamos a seguir o camiño marcado desde que propuxemos chegar a un consenso entre todos polo ben da nosa lingua, analizando a situación desde todos os puntos de vista”. Deste xeito, lembrou que desde as primeiras xuntanzas cos partidos políticos, o Goberno galego estivo a manter outra rolda de consultas con diversas institucións cuxa implicación considera “de especial relevancia neste proceso”, como son o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, ás que se lle sumarán outros encontros con outras administracións, a Federación Galega de Municipios e Provincias ou as universidades.

Con esta folla de ruta, indicou o responsable de Lingua da Xunta, “pretendemos crear un marco amplo no que poidamos tomar decisións conxuntas ao redor de moi diversas áreas e implicando a toda a sociedade”. Unhas áreas que se dividen en dous bloques, un de carácter transversal integrado polos apartados de dereitos lingüísticos, tecnoloxías e implementación do corpus; e outro que se corresponde con ámbitos sociais como son a administración, a educación, a familia e a mocidade, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade ou a proxección exterior da lingua.

A actualización do Plan de normalización da lingua galega

A renovación do Plan de normalización da lingua galega, que fora aprobado por unanimidade en 2004 con máis de 400 medidas para impulsar o uso do galego en toda a sociedade, é un dos puntos principais incluído no documento de base que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se lles presentou a todos seus interlocutores nos encontros producidos nas pasadas semanas para acordar un Pacto pola Lingua.

A súa actualización correspóndese coa necesidade de adaptar esas accións, que foron elaboradas a partir da realidade lingüística que tiña Galicia nese momento, á situación actual. Neste senso, tal e como destacou López Campos nas reunións, esa realidade social, demográfica e lingüística é diferente hoxe en día e por iso, puntualizou, “apostamos por unha renovación que teña en conta as necesidades actuais, que xa temos debidamente analizadas, e normalizar así o uso do galego en distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, na ensinanza, entre as persoas chegadas de fóra e, en xeral, na vida cotiá”.

Así, as novas medidas que se porán en marcha centraranse no impulso do uso do galego nas relacións nas administracións, no fomento de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade, ou en aumentar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industrias culturais. Pola súa parte, os cambios tamén inciden no ámbito sanitario, con medidas para favorecer que os usuarios sexan atendidos en galego se así o desexan.

A isto súmaselle un amplo bloque, o de sociedade, que abrangue intervencións que van desde as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer. Por último, tamén se fai especial fincapé na proxección do galego no exterior con medidas que se estenden a outros territorios limítrofes con Galicia e ás colectividades galegas asentadas en distintos países do mundo.

Xunto con estes cambios no Plan de normalización da lingua galega, cómpre lembrar que o documento da Xunta se basea tamén noutros puntos que teñen que ver coa posta en marcha de máis de 50 medidas de actuación inmediatas; no inicio dunha senda de crecemento oramentario para a política lingüística; na colaboración coa CRTVG como catalizadora da lingua, ou no seguimento das recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas.

Departamento: Tema: