Valentín García felicita os escolares recoñecidos cos premios ‘Novos Poliedros’ e ‘Astronomía’

Volver

O secretario xeral da Lingua entregou os galardóns correspondentes a centros da Coruña, Meaño, Laxe, Beade, Castroverde e Miño

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe os premios da cuarta edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en galego pola Institución Galega da Ciencia coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega.

No acto, no que o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estivo acompañado por Manuel Díaz, responsable de Igaciencia, e polo alumnado e profesorado dos centros premiados, puxo en valor esta iniciativa “que fomenta a creatividade en galego desde un enfoque multidisciplinar e rigoroso para reafirmar o valor da lingua propia de Galicia no ámbito científico”.

Ciencia, lingua e mocidade

Na edición 2024 de Novos Poliedros resultaron gañadores o instituto Menéndez Pidal da Coruña, polo traballo Cuatrisquel da Santa Compaña; o instituto de Meaño (Pontevedra), polo traballo Gran Icosaedro de Kepler, e o colexio Cabo da Area de Laxe (A Coruña), polo traballo Universo dodecaédrico “Estrelado”. No certame de vídeos, pola súa banda, foron gañadores o instituto de Beade (Pontevedra), polo traballo O camiño do sol a través do ceo; ; o colexio de Castroverde (Lugo), polo traballo O Bing Bang, e o colexio de Castro Baxoi de Miño (A Coruña), polo traballo O Planeta 9.

Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio económico por centro, un lote de libros e un diploma acreditativo como agasallo.

Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dunha listaxe de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.

Os vídeos cos proxectos gañadores poden consultarse na páxina web de Igaciencia.

Departamento: Tema: Lingua