O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o fiscal superior de Galicia asinan un convenio para accións de formación en lingua e cultura galegas
A Xunta colabora coa Fiscalía para favorecer o uso do galego na xustiza
VolverLópez Campos destaca que este novo paso “supón un avance para prestixiar e normalizar o uso do galego en distintos ámbitos da administración pública”
Incide en que o Goberno autonómico “segue a traballar desde diversas perspectivas e actuando en moi diversas realidades, tal e como nos comprometemos”
Esta é unha das accións incluídas na actualización do Plan xeral de normalización no marco das conversas do Pacto pola Lingua cos grupos parlamentarios
O vindeiro luns continúan os contactos entre o Goberno galego e distintas entidades cunha reunión coa Mesa pola Normalización Lingüística
Santiago de Compostela, 17 de decembro 2024
Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior colaborarán para favorecer o uso da lingua galega no ámbito da xustiza. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras asinar un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, dando un paso máis, apuntou, “no proceso para prestixiar e normalizar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración pública”. Deste xeito, aos cursos que ofrecerá o Goberno para o persoal sanitario, úneselle tamén unha formación específica en lingua e cultura galegas para persoal da xustiza.
Neste sentido, o representante da Xunta puntualizou que se trata de “mellorar a disposición do persoal funcionario da xustiza cara o uso do idioma e actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego”. Con isto, explicou, “continuamos a traballar para impulsar o uso social da nosa lingua desde diversas perspectivas e actuando en moi diferentes realidades, tal e como nos comprometemos co Pacto pola Lingua, co que seguimos a avanzar”. Precisamente, o próximo luns continúase cos contactos do Goberno galego con distintas entidades cun encontro coa Mesa pola Normalización Lingüística.
Tal e como lembrou López Campos, a medida forma parte das propostas incluídas na actualización prevista para o Plan xeral de normalización da lingua galega que lle foi entregado aos grupos parlamentarios hai uns días no seu segundo encontro no marco do Pacto pola Lingua. Así, sinalou que “o da administración é un dos bloques nos que nos centramos para realizar accións que se adapten ao escenario actual no que vivimos, e que se une a outros moi diversos que van desde a educación e a economía ao ámbito familiar, á mocidade ou ás tecnoloxías”.
Avances a prol da lingua
A renovación do Plan de normalización da lingua galega correspóndese coa necesidade de adaptar as actuacións á realidade social, demográfica e lingüística actual de Galicia abranguendo moi diversos eidos e potenciando o uso do galego entre a poboación, como así o reiterou o responsable de Lingua da Xunta, “nos distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, entre as persoas chegadas de fóra, entre a mocidade e, en xeral, na vida cotiá”.
Así, as medidas que se están a poñer en marcha e as que se desenvolverán nos vindeiros meses teñen que ver coas relacións nas administracións, co fomento de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade, co aumento da presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industrias culturais, con intervencións que van desde as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer. Tamén se fai especial fincapé na proxección do galego no exterior con medidas que se estenden a outros territorios limítrofes con Galicia e ás colectividades galegas asentadas en distintos países do mundo.
Xunto con estes cambios no Plan xeral de normalización da lingua galega, cómpre lembrar que o documento de base do Pacto pola Lingua presentado pola Xunta ten en conta outros puntos como son manter unha senda de crecemento orzamentario para a política lingüística, colaborar coa CRTVG como catalizadora da lingua, ou seguir as recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas.
Medidas a curto prazo
Ademais dos cursos para persoal da xustiza e da sanidade, entre as medidas máis inmediatas que o Goberno galego vai poñer en marcha destacan os 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas chegadas do exterior, que xa se están deseñando, ademais de grupos de voluntariado lingüístico impulsados desde a Dirección Xeral de Xuventude para organizar conversas entre a mocidade.
Tamén se segue a fomentar o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra. Neste senso, o portal neofalantes.gal comezou a funcionar, máis alá de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso.
Ademais, no eido dixital tamén destaca o Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situar a lingua nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas. No contexto dixital hai que destacar, ademais, o portal Lex.gal onde se atopa unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega, en galego e consolidada.
Isto, sen esquecer outras iniciativas como as campañas de concienciación e sensibilización sobre o uso do galego como a que está funcionar na actualidade baixo o lema Saca a lingua que levas dentro.