O secretario xeral da Lingua participou en Santiago de Compostela na presentación desta nova páxina web dentro da Base de datos de Poesía Profana Galego-Portuguesa
Valentín García valora o novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para xeorreferenciar os santuarios das Cantigas De Romaría
VolverO representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca esta ferramenta pioneira que facilita bibliografía esencial para o seu estudo
Incorpora tamén imaxes actuais das localización das ermidas, sempre que sexa posible
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor hoxe o novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que xeorreferencia os santuarios evocados nas Cantigas de Romaría, unha modalidade das coñecidas como as de Amigo.
Na presentación desta páxina web, creada polas directoras do proxecto, Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou “esencial” a posta en marcha destes recursos para a investigación das Cantigas de Romaría, que son propias da Lírica profano galego-portuguesa e que teñen esta denominación porque citan os santuarios e lugares de peregrinación a ermidas, onde se atopaban os namorados protagonistas destas composicións.
Valentín García explicou que, dentro das Cantigas de Amigo, existe un grupo de textos da autoría de poetas diferentes que “dotaron os seus versos dun selo único ao situalos nunha ermida, santuario ou igrexa”. Ao respecto, precisou que na maioría dos casos cada trobador ou xograr menciona un haxiotopónimo propio, “que se acaba convertendo nun signo de autoría que non pasa desapercibido para os expertos na materia nin para os propios lectores”.
Incorporación de imaxes actuais dos escenarios xeográficos
Precisamente, explicou que “a singularidade” deses textos foi a que determinou que as responsables do proxecto Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades decidisen poñer en marcha este novo recurso. Segundo detallou, esta páxina web ofrece unha serie de mapas nos que aparecen xeorreferenciados os santuarios citados, ao tempo que inclúe un estudo desta modalidade das Cantigas de Amigo. Ademais, sempre que sexa posible, incorpora imaxes actuais daqueles escenarios xeográficos.
En relación con esta nova ferramenta, o responsable de Lingua tamén puxo en valor que facilita ás persoas usuarias a “bibliografía esencial” para o estudo das Cantigas de Romaría e refórzanse as ligazóns que vinculan cada autor á súa biografía e á súa produción na Base de datos de Poesía Profana Galego-Portuguesa coa que conta o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.